Audiencia da Coruña absolve as 15 condenadas por “inxurias” á Garda Civil a raíz do caso Diego Viñas.

Nais contra a impunidade

Audiencia Provincial da Coruña sentenza que berrar ‘A Garda Civil, tortura e asasina’ non é delito no contexto en que se realizou, unha concentración para pedir o esclarecemento do que paso con Diergo Viñas, un rapaz de Arteixo que apareceu morto no cuartel da vila o 22 de setembro de 2004 após ser detido.

O Xulgado do Penal nº1 da Coruña condenou o pasado mes de novembro 15 persoas como responsábeis dun delito de “inxurias á Garda Civil”, con condenas de seis meses de multa a unha cota de catro euros diarios. Contra a sentenza presentaron recurso as condenadas, recurso que foi estimado pola Audiencia Provincial da Coruña, que absolve as persoas apelantes. A criterio da Audiencia Provincial, os feitos non constitúen delito, como si consiseraba o xulgado do Penal. E cal foron os feitos?

 

O 12 de outubro de 2012 (Día do Pilar, patroa da Garda Civil), houbo unha concentración perante a igrexa de Arteixo, onde representantes do instituto armado celebraban a súa patroa. Concentráronse familiares de Diego Viña e activistas en defensa dos dereitos e liberdades. Este rapaz de Arteixo apareceu morto no cuartel da vila o 22 de setembro de 2004 após ser detido.

 

Familiares de Viña concentráronse todos os 12 de outubro perante a igrexa parroquial de Arteixo acompañadas de persoas solidarias coa causa exixindo o esclarecimento do caso. Eran concentracións pacíficas. En resposta a estas mobilizacións diversas persoas recibiron notificacións da abertura de expedientes sancionadores por parte da Subdelegación do Goberno español perante o que calificaban de delito contra os "sentimentos relixiosos" e "desordes públicas", mais todas foron arquivadas até 2010.

 

Ese ano, 15 persoas, entre elas a irmá, a curmá e a tía de Diego Viña, foron imputadas por un presunto delito de "inxurias" á Garda Civil (artigo 504 do Código Penal). Segundo o Ministerio Fiscal o delito xustifícase no berro de consignas por parte das persoas concentradas como 'a Garda Civil tortura e asasina', 'Aquí se tortura como na ditadura'  e 'non foi suicidado que foi asasinado'.

 

A Audiencia Provincial da Coruña vén agora de considerar que eses feitos non son delito, segundo indican desde Nais contra Impunidade