Piden 54.000 euros de multa para 15 persoas por "inxurias" á Garda Civil

[Imaxe Nais contra a impunidade]

Os acontecementos remóntanse a outubro de 2010 cando familiares de Diego Viña, morto no cuartel de Arteixo en setembro de 2004, se concentraban reclamando o esclarecimento do caso.

O 6 de xuño terá lugar o xulgamento de 15 persoas por un presunto delito de "inxurias" á Garda Civil. O caso remóntase ao ano 2010 nunha concentración perante a igrexia parroquial de Arteixo onde representantes do instituto armado celebraban o día do Pilar (12 de outubro), patroa deste corpo policial. 

Entre as persoas imputadas atópanse a irmá, a curmá e a tía de Viña

Perante o templo concentrábanse familiares de Diego Viña e activistas en defensa dos dereitos e liberdades. Este rapaz de Arteixo apareceu morto no cuartel da vila o 22 de setembro de 2004 após ser detido. Fora denunciado polo seu pai, tamén garda civil, por unha presunta agresión no domicilio. Horas máis tarde de ser prendido foi atopado nos cabouzos aforcado, supostamente, con seu pantalón vaqueiro. Porén, após a investigación iniciada a instancias da familia de Deigo Viña que non acreditaba no relato policial, descubriuse --porque así o recoñeceu o sarxento-- que o pantalón fora tirado "ao lixo" e que as cámaras de vixianza estaban apagadas

No marco da investigación desenvolvida polo Xulgado de instrución nº5 da Coruña o propio pai de Viña foi imputado por procedemento de denuncia falsa sendo que non existían indicios, sinalan fontes consultadas por Sermos Galiza, de que a agresión formulada tivese acontecido cando Diego foi detido.  Así as cousas, a instrución "foi dificultosa con numerosas denegacións de probas ás defensas da familia de Diego Viña". 

Concentracións pacíficas
Ao longo deste tempo familiares de Viña concentráronse todos os 12 de outubro perante a igrexa parroquial de Arteixo acompañadas de persoas solidarias coa causa exixindo o esclarecimento do caso. "As concentracións eran absolutamente pacíficas limitándose a manifestar a dor polo falecemento de Diego Viña así como esixir responsabilidades e unha investigación conforme a parámetros de legalidade  por estes graves feitos como son as mortes baixo custodia das forzas e corpos de seguridade estado", explican as mesmas fontes. 

As concentracións reclamaban o esclarecimento das circunstancias en que faleceu Diego Viña

En resposta a estas mobilizacións diversas persoas recibiron senllas notificacións da abertura de expedientes sancionadores por parte da Subdelegación do Goberno español perante o que calificaban de delito contra os "sentimentos relixiosos" e "desordes públicas", mais todas foron arquivadas até 2010. Ese ano, 15 persoas, entre elas a irmá, a curmá e a tía de Diego Viña, foron imputadas por un presunto delito de "inxurias" á Garda Civil (artigo 504 do Código Penal).

Segundo o Ministerio Fiscal o delito xustifícase no berro de consignas por parte das persoas concentradas como 'a Garda Civil tortura e asasina', 'aquí se tortura como na ditadura'  e 'non foi suicidado que foi asasinado'. Asemade, apelan ao reparto dunha filipeta ou flyer na que se sinalaba "que  os familiares e a sociedade en xeral sente unha sensación de desamparo ante a  impunidade dás forzas de seguridade do Estado por unha falta de vontade política o control dos procesos", explican. Así mesmo, baséase a acusación argüíndo que as persoas concentradas portaban camisolas coa fotografía de Diego Viña e despregaban  faixas cos lemas: 'Non esquecemos 22 - 9- 2004', 'Diego Viña morto no cuartel da Garda Civil de Arteixo' e 'Queremos saber como morreu Diego nos calabouzos da Garda Civil de Arteixo'. 

Multa e xuízo

Para as 15 persoas imputadas a Fiscalía pide unha pena de multa de 15 meses cunha cota diaria de 8 euros o cal supón unha multa de 3600 euros  para cada unha delas. En total, 54 mil euros. 

Neste senso o colectivo Nais contra a impunidade, do que fai parte Carmen Viña, nai de Diego, convocan unha concentración ás 9.30h o 6 de xuño perante os Xulgados da Coruña coincidindo co inicio do xuízo.