Atrasos nos exames das oposicións ao Sergas polas retencións de tráfico na AP-53

Oposicións do Sergas nunha convocatoria de 2020. (Foto: Xunta)
O Sergas enviou unha mensaxe tranquilizando aos examinados e informando de que as portas de acceso ás probas non se pecharían até que finalizasen as retencións

Os exames das oposicións á categoría de Enfermaría do Servizo Galego de Saúde (Sergas), previstas para as 10 horas deste domingo no recinto feiral de Silleda (Pontevedra), atrasáronse debido ás retencións de tráfico na AP-53.

As retencións comezaron á primeira hora da mañá, superando o tres quilómetros e con algo máis dunha hora de espera.

Debido a isto, o Sergas enviou unha mensaxe tranquilizando aos examinados e informando de que as portas de acceso ás probas non se pecharían até que finalizasen as retencións. Ás 11 horas, aínda había participantes accedendo ao recinto.

 

 

A este proceso selectivo concorren ao redor de 10.000 aspirantes para 1.556 prazas, das que a gran maioría (1.135) son de acceso libre.

Haberá outras 332 vacantes por promoción interna e 89 reservadas para persoas con discapacidade.

Monbus habilitou un total de nove servizos especiais de autocares que sairán desde distintos puntos da Comunidade.