Política Social

Atrasos dun ano na Galiza para obter a valoración do grao de discapacidade

A taxa de discapacidade na Galiza aumentou nos últimos 12 anos. (Foto: Drazen)
Segundo datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) a Galiza é o territorio do Estado con maior taxa de discapacidade.

A Galiza rexistra un prazo máximo de 12 meses de atraso para obter a valoración do grao de discapacidade, segundo datos do estudo informe 'CERMI Espazo Dixital. Territorios conectados'. CERMI é o Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade.

Con base neste informe, Canarias e Estremadura son os dous territorios que acumulan maior atraso, de 2 anos, seguidas de Andalucía, Castela-A Mancha e Asturias, con 18 meses. A Galiza ocupa o sexto posto entre comunidades con menor demora, do mesmo modo que os 12 meses de Cantabria.

Estes datos extráense a partir de información obtida polos CERMI autonómicos no que se analiza o tempo medio en 2023 para obter a valoración do grao de discapacidade, desde que se solicita, en comunidades e cidades autónomas. En concreto, e diferenciando os datos por provincias/cidades, o informe revela que Badaxoz, Cádiz, Albacete e Toledo e Avilés son as que maior dilación no tempo presentan á hora de conseguir o grao de discapacidade.

En cambio, Castela e León (con catro meses) é a comunidade con menos demora, seguida de Euskadi (5), Madrid (9), País Valencià (10), Nafarroa (11), Galiza e Cantabria (12), Aragón (13), Catalunya (14 meses), Baleares (15) e Murcia (16).

O 94,74% dos territorios ten como causa principal desta demora a escaseza de persoal e o 78,95% débese á existencia de procedementos lentos e complexos. Segundo este informe, a insuficiencia de centros non é unha causa tan determinante no atraso na valoración, sendo esta de o 36,84%.

O CERMI remitirá este informe ao Defensor do Pobo coa petición de que investigue estas dilacións, que causan un enorme prexuízo ás persoas con discapacidade e ás súas familias, xa que a valoración da discapacidade é a porta de acceso ao sistema de apoios e prestacións das Administracións Públicas que se reciben por razón de discapacidade no Estado.

Segundo datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) a Galiza é o territorio do Estado con maior taxa de discapacidade, con 116 persoas por cada 1.000 habitantes. De acordo co censo de persoas con discapacidade que actualiza a Consellaría de Política Social, a 31 de decembro de 2021, había no país 243.323 persoas cun grao de discapacidade igual ou superior a 33%, das cales 8.379 son menores de até 15 anos.