Os xulgados galegos decretaron ordes de lanzamento contra cincocentas unha persoas entre abril e xuño deste ano pola falta de pagamento do alugueiro das súas vivendas segundo fontes xudiciais. Do total de lanzamentos practicados, outros 140 corresponderon a execucións hipotecarias e os 16 restantes derivaron doutras causas. En comparación co mesmo período do ano pasado, o número de lanzamentos na Galiza experimentou un aumento do 89,9%, ao pasar de 346 a 657.
No entanto, segundo precisan desde o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), esa porcentaxe de incremento "hai que analizala tendo en conta a folga de funcionarios e funcionarias que entre febreiro e maio de 2018 afectou ao normal funcionamento da Administración de Xustiza na Galiza e que provocou que moitas destas dilixencias non se levasen a cabo". Mentres, no conxunto do Estado, os lanzamentos descenderon 14%.
O estudo tamén reflicte que entre o 1 de abril e o 30 de xuño deste ano os xulgados galegos ingresaron 32 demandas, das que resolveron 22, por ocupación ilegal de vivendas en casos nos que as e os propietarios son persoas físicas, entidades sen ánimo de lucro ou entidades públicas posuidoras de vivenda social.