O atraso do AVE a Galiza deixa un "custo social importante" no país

Un tren pasa por unha zona xa preparada para o AVE na Galiza. (Foto: ADIF)

O organismo fiscalizador deu a coñecer nesta terza feira un informe que alude a 18 contratos vinculados coa chegada da alta velocidade quedaron suspendidos entre 2014 e 2017.

A presidenta do Tribunal de Contas, María José de la Fuente, afirmou nesta terza feira que os diferentes atrasos que leva sufrido o AVE para ser unha infraestrutura real na Galiza deixaron un “custo social importante”.

A institución que dirixe vén de facer público un estudo no que alude a 18 expedientes de paralización de contratos de obras entre os anos 2014 e 2017.

"Hai un custo social importante", comentou. Desde o seu punto de vista a "falta dun servizo público" cunha "data" ten "un custo dificilmente cuantificábel economicamente, pero que hai que ter en conta á hora de desenvolver a execución dunha obra pública desta envergadura".

A confesión fíxose ao fío dunha pregunta do senador do PSOE Xaquín Fernández Leiceaga, que aludía precisamente aos anos nos que foi ministra responsábel de infraestruturas a tamén galega Ana Pastor.

De la Fuente falou de máis contratos a nivel global, pero reparou tamén no tramo do AVE Seixalbo-Ourense, ao que Leiceaga engadiu que a tardanza “multiplicou por oito o prazo inicial dun ano”.

Dos 18 contratos rachados no país, a maioría foron por cambios nos proxectos iniciais, mais tamén houbo “descoordinación” entre administracións públicas.

Malia todo, a senadora do PP María Mercedes Fernández González defendeu Pastor e apuntou ao seu predecesor, o lucense José Blanco (PSOE) como culpábel de non deixar orzamento, o que implicou a reprogramación.