Sanidade pública

Denuncian na Mariña un atraso de catro meses nunha consulta de Neuroloxía "en contra do criterio facultativo"

Hospital público da Mariña. (Foto: Sergas)
A Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña exixe "que se resolva de inmediato este problema e que se instaure dunha vez por todas a normalidade nas esperas e citacións".

Un doente vén de denunciar que desde o Hospital da Mariña están a "atrasarlle" a consulta de Neuroloxía para o control dun tratamento e evolución dunha patoloxía. Unha decisión, segundo esta persoa, un caso do que dá conta esta cuarta feira a Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña a través dun comunicado, adoptada "en contra dos criterios do neurólogo".

"O paciente é visto en marzo de 2023 polo servizo de Neuroloxía, pois fíxose un diagnóstico sintomático de enfermidade de Párkinson. Nesta consulta páutaselle un tratamento que posteriormente, o 31 de maio, é modificado. O neurólogo indica una nova revisión en dous meses para valorar a efectividade do tratamento e a evolución da súa patoloxía, concretándoselle una nova consulta para o 14 de xullo", precisa a plataforma.

Desde o Hospital da Mariña, engaden, o paciente recibe una chamada o día 10 de xullo, mais non para confirmar a cita senón, aseguran, "para atrasarlle dita consulta até o 15 de novembro", atrasándose deste modo a consulta "catro meses respecto á prescrición facultativa".

Foi entón cando o paciente decidiu contactar coa plataforma, que redactou e rexistrou un escrito de reclamación o pasado 11 de xullo, un día despois do incidente. Mais a día de hoxe, lamentan desde o colectivo, "o paciente non tivo comunicación ningunha por parte da dirección do centro nin solución ao problema que expón, actuando de forma ineficaz e inefectiva diante das demandas xustas dos pacientes por mor de esperas que sobrepasan abondo o límite máximo estabelecido por lei".

Censuran tamén que estes tempos de espera para a consulta prescrita "contradín o criterio facultativo, impedindo a correcta vixilancia dos procesos patolóxicos, así como da avaliación correcta dos tratamentos, coas conseguintes consecuencias para as persoas enfermas".

Ao fío desta cuestión, a plataforma exixe "que se resolva de inmediato este problema e que se instaure dunha vez por todas a normalidade nas esperas e citacións" do resto de doentes no Hospital da Mariña.