Atopan o cadáver dunha muller nunha praia de Cervo

Praia da Caosa, en Cervo, onde apareceu o corpo sen vida. (Foto: Google Maps)
Non presentaba signos de violencia, segundo apuntou a Garda Civil.

Un particular atopou na mañá desta quinta feira o corpo sen vida dunha muller, duns 60 anos de idade, na praia da Caosa, en Cervo (A Mariña). Segundo informaron desde os servizos de Emerxencias, o 112-Galiza recibiu a alerta a través dunha chamada contra 10.05 horas.

Este particular indicaba que había unha persoa na area e que podía estar falecida. Seguidamente, o 112 pasou o aviso á Garda Civil, a Policía Local, Protección Civil, Salvamento Marítimo e o Servizo de Gardacostas da Galiza.

De acordo con fontes do Instituto Armado, trataríase dunha muller da contorna dos 60 anos de idade e o corpo non presenta signos externos de violencia. Os axentes traballan para a identificación plena do cadáver e poder así determinar as circunstancias que arrodean o achado.