Atención Primaria: marxinada e invisíbel

Consulta de Atención Primaria do Servizo Galego de Saúde (Foto: CRTVG).
Os sistemas sanitarios cunha Atención Primaria forte alcanzan mellores resultados a un menor custo. O coronavirus puxo de manifesto a necesidade de contar con sistemas asistenciais de saúde eficientes e coordinados. A chave está na Atención Primaria, marxinada na Galiza xa antes da a pandemia.

"A Covid-19 é un claro recordatorio de como as emerxencias de saúde pública poden provocar unha perda significativa de vidas e trastornos nas sociedades e nas economías. A mellor defensa é investir en preparación e en Atención Primaria". Con estas palabras, a primeiros de marzo deste ano e coincidindo cos primeiros diagnósticos de casos positivos por coronavirus na Galiza, o director xeral da Organización Mundial da Saúde (OMS) Tedros Adhanom, advertía da importancia de contar con sistemas sanitarios cunha Atención Primaria forte, capaz de garantir a accesibilidade, os coidados integrais e a coordinación necesaria que exixe unha pandemia como a da Covid-19.

Xusto cando a Atención Primaria debería verse favorecida, a organización sanitaria deixouna de lado e colocouna no último lugar.

Unha idea recorrente ao longo dos últimos meses á que lle foron dando sentido expertos e profesionais da saúde e da sanidade, malia a falta de iniciativas consolidadas que confirmen esa vontade fortalecemento. "A chegada do coronavirus á Galiza engadiulle gravidade a unha situación xa crítica, de saturación e sobrecarga, resultado non só da falta de recursos senón da propia organización do traballo imposta polo Servizo Galego de Saúde", explica a Nós Diario Moncho Veras, médico de Atención primaria no centro de Saúde San Xosé da Coruña. "Tradicionalmente a nós chega unha demanda de traballo que moitos cremos que non nos corresponde, unha carga burocrática excesiva que nos impide facer o noso traballo, que é atender os pacientes e pór en marcha medidas de prevención, de promoción da saúde, ademais doutro tipo de actividades que a sobrecarga fai inviábel", a non ser pola voluntariedade e a dedicación do persoal sanitario.

Invisíbel

A pandemia empeorouno todo, asegura Veras. "Xusto cando a Atención Primaria debería verse favorecida para poder liderar o traballo asistencial e a busca de solucións aos problemas que se fosen detectando, a organización sanitaria deixouna de lado e colocouna no último lugar". 

A primeira vaga de contaxios derivou e centralizou toda a atención nos servizos hospitalarios. "Mais nós continuamos cunha axenda de até 50 pacientes diarios, en moitas ocasións, case todos con síntomas e moitas dúbidas relacionadas coa Covid-19, cando non tiñamos acceso a probas suficientes nin a posibilidade de confirmar diagnósticos". 

Moncho Veras defende que "o descontrol do Sergas durante a pandemia" fixo "invisíbel" a actividade da Atención Primaria durante os primeiros meses do coronavirus. "Desde o Servizo Galego de Saúde nin nos tiveron en conta para a toma de decisións nin souberon facer unha valoración xusta do colectivo profesional da Atención Primaria durante todo este tempo". E proba desa "marxinación por parte da dirección do Sergas", apunta, foi a primeira comparecencia pública que se realizou na área sanitaria da Coruña para facer balance do primeiro pico de Covid-19. "So compareceron responsábeis da xerencia e de servizos hospitalarios especializados. Nin rastro da Atención Primaria".

 Sobrecarga sen recursos 

Coa chegada do verán, da reactivación dos centros de saúde e da aparición da segunda vaga de contaxios por coronavirus a Atención Primaria volveu sentir a pegada da falta de coordinación e de dotación de recursos. Sen previsión nin reposición de persoal, o labor asistencial complicouse moito na Atención Primaria. "Agora somos nós quen valoramos as persoas sintomáticas, quen pedimos probas, quen comunicamos os resultados e facemos seguimento. Traballamos coas axendas cheas e a maiores recibimos de media entre cinco e sete doentes novos, forzados, aos que debemos atender". E fano, di Moncho Veras, sen o soporte fundamental dunha rede de saúde pública estábel e fortalecida, en contacto coa Atención Primaria. "No canto de suplir así a debilidade do sistema de saúde pública, a Administración optou por privatizar e afastar dos profesionais da saúde primaria un labor esencial como é o do rastrexo".

Fortalecemento

A Atención Primaria é o servizo que mellor coñece e máis prestacións sanitarias ofrece á poboación. Garante un acceso fácil e continuado, ademais dun seguimento integral dos coidados que precisa cada paciente e o seu contorno. De aí que tanto os expertos en saúde pública como o colectivo profesional da saúde familiar e comunitaria reclamen un fortalecemento urxente do seu sistema, cunha carteira de servizos ampliada que atenda a prevención e contención de pandemias como a actual, mais 
sen esquecer a atención do resto dos problemas de saúde, de forma eficiente e coordinada co resto dos servizos especializados.

Novas políticas fronte ao desmantelamento

O desmantelamento da Atención Primaria agravouse durante a pandemia máis vén de lonxe, destacan desde a Asociación Galega pola Defensa da Sanidade Pública. "Sen contratación de persoal é imposíbel resolver ningún problema" E isto exixe, aseguran, sacar a concurso todas as prazas dispoñíbeis, acabar coa precariedade laboral e ampliar o orzamento actual, moi inferior ao que se precisa para cubrir as necesidades básicas do servizo. "Estamos en 12% e o que pedimos é incrementar ese orzamento a 25% en cinco anos. Está dentro do acordado polo Consello Técnico. Non abonda con mudar as caras, teñen que mudar as políticas".