A Atención Primaria ocupa 12% do gasto en sanidade, a metade do recomendado

Sala de espera do centro de Saúde do milladorio, no concello de Ames, comarca de Compostela. (Foto: Xunta da Galiza).
Os centros de saúde conmemoran esta cuarta feira o Día Mundial da Atención Primaria con mobilizacións ás 12 horas.

A Atención Primaria é o contacto máis próximo que ten a comunidade co seu sistema de saúde. Tamén é o primeiro. "É o lugar sanitario por onde, máis cedo ou máis tarde, vai acabar pasando toda a poboación", asegura a Nós Diario Xosé María Dios, membro da Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública.

A Atención Primaria centrou unha das conferencias internacionais de política de saúde máis importantes da década dos 70. Tivo lugar en Alma-Ata, actual Kazhakhstán, en setembro de 1978. "Desde entón defínese como a prevención e o tratamento da enfermidade, un obxectivo asumíbel cando o número de pacientes, recursos humanos e materias é un número lóxico", cun mínimo de 10 minutos por paciente e non máis de 20 ou 25 pacientes por quenda, reivindica Dios.

É unha demanda que comparte e mobiliza o conxunto da sanidade pública na Galiza dende moito antes da pandemia da Covid-19, unha emerxencia sanitaria que mudou un dos alicerces esenciais da Atención Primaria, a accesibilidade, e agravou as condicións laborais e sanitarias de profesionais e doentes, que neste primeiro nivel da sanidade tamén se atopan en tarefas de atención á comunidade, promoción da saúde, formación e investigación.

Todas estas prácticas que constitúen a profesión médica no ámbito da Atención Primaria "na Galiza desenvólvense nun contexto de falta de recursos e profesionais evidente. E non temos que buscar os culpábeis fóra". Os responsábeis desta situación asegura Xosé María Dios "son os que administran o sistema sanitario, neste caso o Goberno autonómico do PP". É o Goberno da Xunta, di, o que ten as competencias "para contratar persoal, para dar mellores salarios, para dar estabilidade, para mellorar as infraestruturas, e non só para ser caldo de cultivo do desmantelamento da Atención Primaria".

Máis investimento 

No Día Mundial da Atención Primaria a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública súmase aos actos previstos pola Plataforma SOS Sanidade Pública en todos os centros de saúde da Galiza. "Haberá concentracións para conmemorar un día tan importante para a nosa saúde e para rexeitar que un grupo político desmantele a sanidade de forma irreversíbel para moitas persoas".

Para Xosé María Dios urxe mudar a política sanitaria e elevar o orzamento destinado á Atención Primaria, que lonxe de achegarse ao recomendado pola OMS foi minguando. "Solicitamos que aumente o orzamento até un 25% do gasto total en sanidade. Na Galiza estase a investir a metade do que se debera, 12,3%". E iso ten consecuencias, advirte. Perdéronse os reforzos de costa e as substitucións por permisos, baixas ou vacacións. Nunha década "fuxiron" máis 1.500 médicas e médicos formados na Galiza para traballar fóra. Tamén 20% das enfermeiras especializadas en medicina familiar e comunitaria. As axendas multiplicáronse e con elas as xornadas prolongadas. 

A Galiza ocupa o posto 16 de 17 en gasto sanitario por persoa entre todos os territorios do Estado, só por diante de Madrid, lembra Dios, quen insiste nun novo horizonte de deterioración sen un maior orzamento e un novo modelo de Atención Primaria. "Temos o tratamento, está recollido na ILP que se vai debater no Parlamento galego. A medicina de calidade require investimento e autonomía para reforzar os equipos profesionais, os centros de saúde e o seu carácter participativo", conclúe.

Novas mobilizacións o 26 de abril

A Plataforma SOS Sanidade Pública chama á cidadanía a participar nunha "gran mobilización social e profesional" o próximo 26 de abril con concentracións "en cada localidade" da Galiza. Busca darlle continuidade ao Día Mundial da Atención Primaria e desta forma apoiar a ILP en defensa da Atención Primaria que axiña se debaterá no Parlamento galego.

Fronte a unha Xunta cuxa "única estratexia", denuncia, é "desmantelar e privatizar" o primeiro nivel asistencial, SOS Sanidade Pública reivindica a Atención Primaria como a "pedra angular" do sistema sanitario.