A Atención Primaria axuda a respirar os hospitais na emerxencia sanitaria

(Xunta)
Profesionais atenden por teléfono as doentes da COVID-19 no fogar, reciben citas telefónicas, atenden ás doentes crónicas e acompañan a ansiedade e o medo das pacientes.

Na Galiza, 4.467 doentes da COVID-19 permanecen nos seus fogares, segundo os datos achegados onte pola Consellaría de Sanidade, e a evolución do seu estado de saúde é realizado por profesionais da Atención Primaria. Desde o inicio da emerxencia sanitaria, declarada o 13 de marzo polo Goberno galego, as traballadoras deste ámbito reestruturaron as súas xornadas para atender estas e outras necesidades sanitarias da poboación. 

"O día a día mudou de forma absoluta, estamos ante unha situación completamente nova na que cada día xorden numerosas preguntas", asegura Esther Mato, médica de familia no centro de saúde do barrio coruñés de Monte Alto. 

Estamos ante unha situación completamente nova na que cada día xorden numerosas pregunta, asegura Esther Mato

Se ben as áreas sanitarias galegas aplicaron medidas diferentes na organización do traballo, en todas se priorizou a atención telefónica das pacientes. Algunhas, como a de Ourense, fecharon certos centros de saúde para centralizar a atención noutros. Outros reciben exclusivamente doentes con infeccións respiratorias. Mais en todos os casos procúrase minimizar o risco de contaxio pola COVID-19. 

As profesionais da Atención Primaria lembran que o resto de enfermidades "seguen aí". Mentres o seguimento telefónico se estende tamén ás doentes crónicas, a atención presencial ou a domicilio mantense para pacientes que requiren curas, a administración dunha medicación ou para as que teñen problemas de mobilidade. 

"Eu traballo no centro de saúde de Leiro (comarca do Ribeiro) e máis de 40% dos pacientes superan os 65 anos e sofren de múltiples patoloxías", explica María José Fernández, sinalando que é fundamental nestes doentes "controlar un posíbel desequilibrio renal, da tensión ou os casos de diabetes. 

Coidar a distancia

"O teletraballo non suaviza para nada a presión, estás afeito a mirar as pacientes e percibir como se atopan", asegura Esther Matos. Ramón Veras, médico doutro centro da Coruña, puntualiza que atende "até 40 ou 50 chamadas ao día". "A atención telefónica leva máis tempo, as doentes non teñen a mesma percepción do tempo, preguntan por algunha familiar e ademais a cuestión do medo sempre está latente", di. 

A cuestión do medo sempre está latente, indica Moncho Veras

"O estrés aumenta cando non coñeces as pacientes", engade Álvaro Carrera, enfermeiro nun centro de saúde de Ourense e presidente da Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria. Adaptarse á nova situación tampouco é doado. "Gústanos traballar en contacto cos pacientes e facer un seguimento que nesta situación é imposíbel", engade. Cada profesional do seu centro ten asignadas 1.500 usuarias. 

Pulmóns dos hospitais

As profesionais de Atención Primaria reivindican que o seu labor é fundamental á hora de desconxestionar os hospitais, centrados na atención das doentes da COVID-19 cunha evolución máis complicada. "Estamos xogando un papel complementario moi importante nesta situación", asegura Manuel Martín, voceiro de SOS Sanidade Pública e médico en Marín. 

"Somos a primeira barreira, e o noso papel será fundamental cando o confinamento se vaia levantando para evitar novos brotes da enfermidade", reivindica María José Fernández.