A atención á diversidade na escola exixe recursos e protocolos adaptados

Alumnado de Infantil, Primaria e Educación Especial comezou o curso a semana pasada (Foto: Europa Press).

Educación avanza un encontro con asociacións de atención á diversidade co obxectivo de coordinar un protocolo adaptado ás necesidades do alumnado con necesidades especiais no contexto escolar.

O alumnado con necesidades de apoio educativo precisa recursos propios e protocolos adaptados que garantan a súa integración nas aulas e a súa inclusión nun contexto escolar transformado polo coronavirus que segue axustando as súas necesidades no inicio do curso.

Coas aulas xa en marcha, a Consellaría de Cultura, Educación e Universidade convocou distintas asociacións de atención á diversidade da Galiza para coñecer de primeira man as demandas dos diferentes colectivos para o maior benestar do alumnado con necesidades específicas.

Os colexios precisan adaptar algunhas medidas imposíbeis de cumprir. O noso alumnado vai ter momentos de axitación que requirirán tempos de respiro e cambio de actividade.

"Era unha reunión moi agardada", explica Patricia Blanco, directora da Federación Autismo Galiza, unha das organizacións convidadas á xuntanza en representación de 16 entidades que prestan os seus servizos en todo o territorio, algunhas con colexio propio e outras dedicadas a traballos de promoción da autonomía e das habilidades sociais das crianzas con Trastorno do Espectro Autista (TEA). "Estas reunións non son excepcionais, mais esta era imprescindíbel para trasladarlle á Administración algunhas solicitudes urxentes", sinala Blanco. "O alumnado con TEA precisa protocolos específicos no contorno escolar e máis apoios para realizar as actividades previstas", engade.

Patricia Blanco asegura que polas súas características, moitas crianzas non poden usar máscaras, "ben por problemas respiratorios ben por problemas de conduta, e hai coles que están ignorando o seu dereito a non a usar". Os colexios propios que xestionan entidades como Aspanaes ou Asperga contan con grupos máis reducidos e espazos que facilitan as distancias de seguridade, mesmo con recursos que permiten atallar condutas propias da rapazada con TEA.

"Os colexios ordinarios precisan adaptar algunhas medidas imposíbeis de cumprir. O noso alumnado vai ter momentos de axitación que requirirán tempos de respiro e cambio de actividade", advirte a directora da Fundación Autismo Galiza. Nada que ver coa recomendación de non se mover do seu asento que pesa sobre o conxunto do alumnado. 

Desde a federación galega de persoas con autismo reclaman recursos e profesionais de apoio suficientes en todos os centros educativos ordinarios para o alumnado con necesidades de apoio educativo. "O TEA, como espectro, presenta trastornos moi diversos que exixen unha capacidade de adaptación individual moi alta. O número de diagnósticos aumenta ano tras ano e con ela o alumnado. Polo tanto é de esperar que se incrementen os recursos.

Máscaras transparentes 

Desde a Federación de Asociacións de Persoas Xordas da Galiza coinciden nestas necesidade  e na de definir canto antes un protocolo capaz de reunir as demandas de todos os colectivos de persoas con discapacidade. "Algunhas son comúns, pero hai demandas particulares que tamén precisan resposta. A discapacidade auditiva require canto antes a homologación de máscaras transparentes que dean soporte ás crianzas. Coas máscaras comúns fican incomunicadas, sen posibilidade de valerse da expresión nin da lectura labial", apunta Javier Sánchez, responsábel de Formación, quen reivindica manter a presenza e o apoio que até o de agora tiñan nas escolas.

Aumenta o alumnado con necesidades educativas especiais

O 10 de setembro comezou o curso para o alumnado de Educación Especial da Galiza. Os datos provisionais da Consellaría de Educación indican que este a iniciaron as aulas 1.131 nenos e nenas, 20 máis que o curso pasado.  En total, son 38 os centros públicos e privados con concerto que atenden o estudantado con necesidades específicas. 533 crianzas están matriculadas en colexios públicos e 598 en centros privados.