Até cando se manterá a obriga de levar máscara no transporte público?

As persoas usuarias do transporte público e avións deberán usar máscara (Foto: Marta Fernández / Europa Press).
Sanidade decretará o fin da máscara cando os expertos aconsellen a súa retirada.

A ministra de Sanidade, Carolina Darias, avogou por manter a obrigación de usar máscara no transporte público, así como nos voos con saída ou destino España, até que os expertos se pronuncien no sentido contrario.

O Estado español é un dos últimos da Unión Europea en retirar esta medida de prevención fronte a Covid e outros virus respiratorios que están a circular desde o inicio do outono.

Neste sentido, o uso da máscara xa non é obrigatorio en países como Portugal ou Italia, que o  retiraron no verán. Pola Súa parte, Alemaña eliminou tamén retirou o seu uso obrigatorio en avións e aeroportos.

"Sempre adoptamos decisións da man de persoas expertas e ímolo seguir facendo, por tanto, imos esperar até que non fagan un pronunciamento contrario", sinalou a ministra hoxe en declaracións á súa chegada a Bruxelas para reunirse cos seus homólogos da Unión Europea.

Darias tamén lembrou que coa chegada do inverno e a baixada das temperaturas é importante seguir coidándose, xa que é época de incremento importante de virus respiratorios, gripe ou bronquiolites.

Reunión en Bruxelas

Por outra parte, a ministra repasou algúns dos temas da axenda que abordarán os ministros de Sanidade da UE durante o seu encontro en Bruxelas.

Entre outros temas de interese, debaterán sobre a importancia das vacinas como instrumento de saúde pública, a concienciación sobre cribados para a detección temperá do cancro ou a estratexia en materia de saúde mental, un punto no que o Estado español compartirá a experiencia do seu plan de acción co resto de Estados membro.

Por último, Darias informou de que manterá un encontro coa súa homóloga sueca para preparar a presidencia rotativa do Consello, que recaerá sobre Suecia na primeira metade de 2023 e sobre España na segunda.