“Até aquí chegamos”: dimisión conxunta de xefes de centros de saúde de Vigo polo deterioro da Atención Primaria

sergas

“Até aquí chegamos”, afirman nun escrito a vintena de xefes de centros de saúde da área metropolitana de Vigo que anunciaron esta segunda feira que van dimitir. “A progresiva deterioración da Atención Primaria” chegou a “límites insostíbeis”, denuncian estes profesionais. "Non se pode atender 55 pacientes nunha mañá", sinalan.

 

Os motivos das súas renuncias, que expuxeron nunha comparecencia no Colexio Oficial de Médicos, son varios, mais todos relacionados coa precarización do sistema sanitario galego: sobrecarga asistencial, deterioración da atención a pacientes, listas de agarda, esgotamento e desmotivación do persoal sanitario… Estes son algúns dos puntos nos que estes xefes de centros de saúde fan fincapé.

 

Non son os únicos e así engaden a falla de persoal ou o feito de que os centros carezan desde hai anos de plans estábeis de reposición de material ou adquisición de nova aparataxe.

 

Estas necesidades foron expostas no verán ao xerente do Chuvi e a semana pasada ao propio conselleiro. Os profesionais advertiron da súa decisión de dimitir se non se adoptaban compromisos para reverter a actual situación sanitaria en Vigo.

 

Entre os xefes que presentan a dimisión están os de centros de saúde de Lavadores, Teis, Coruxo, Bembrive, Sárdoma, Nicolás Peña, Rúa Cuba, Pintor Colmeiro, Taboada Leal, Navia, Casco Vello, Doblada, Beiramar, Coia, Matamá, Salceda, Moaña, Cangas, Tui, A Guarda, Ponteareas, Porriño, Mos, Gondomar, Panxón, Baiona, A Cañiza e Fornelos de Montes.