Oposición e sindicatos consideran que as dimisións de Vigo evidencian o "fracaso" da política sanitaria da Xunta

Imaxe de arquivo dun centro de saúde

As dimisións de 80% dos xefes dos centros de saúde da área sanitaria de Vigo reflicten, para CIG-Saúde, a “insostíbel situación” na que está Atención Primaria. “As médicas e os médicos de familia xa non poden dar máis de si”, manifesta o sindicato, que insta o presidente da Xunta e o conselleiro de Sanidade a que asuman “responsabilidades” polo “fracaso” das políticas sanitarias. Desde CCOO instan o Sergas a negociar unha solución para o conflito dos puntos de atención continuada (PAC). O sindicato reprocha que nin a Consellaría nin as Xerencias "sexan quen de dar solucións".

 

Para a oposición parlamentar, a dimisión é unha nova mostra da “deterioración” da sanidade pública galega baixo os gobernos de Núñez Feixoo. Flora Miranda, parlamentar de En Marea e médico de familia, considera que os recortes e "a falta de orzamentos ten consecuencias para as persoas enfermas. Os recortes matan".

 

Julio Torrado, PSdeG, advertiu que a situación rexistrada en Vigo “pon en entredito a capacidade da Consellería de Sanidade de resolver os problemas xurdidos co profesionais”. Lembrou que a renuncia responde á “denuncia da inacción e ouvidos xordos por parte do goberno galego ás demandas” dos profesionais.

 

 

Ana Pontón, BNG, considera que "cada vez é máis evidente que o tsunami privatizador está a atacar a sanidade pública e hai un malestar crecente, non só entre os profesionais, senón nas rúas". A portavoz nacionalista exixiu que se "mude a política sanitaria, sobre todo en atención primaria" ante o "desastre das políticas" do PP.