Até un ano de espera para conseguir unha consulta de psiquiatría na sanidade pública

A falla de medios humanos é unha principais pexas para combater as doenzas mentais.(Foto:Europa Press).

O Servizo Galego de Saúde atópase á cola do Estado en número de psicólogos clínicos.

O xerente do Servizo Galego de Saúde (Sergas), José Flores, e o director xeral de Asistencia Sanitaria da Consellaría de Sanidade, Jorge Aboal, mantiveron na xornada de onte unha reunión con representantes dos servizos de saúde mental das sete áreas sanitarias para avaliar o labor desenvolvido polos sete profesionais da psicoloxía clínica que foron contratados o ano pasado para desenvolver os programas de enlace de Atención Primaria co obxectivo de mellorar a coordinación entre Primaria e saúde mental.

Os responsábeis do Sergas destacaron a posta "en marcha seis unidades de atención a persoas en risco de suicidio, cinco das cales se puxeron en marcha a través do desenvolvemento do Plan de Saúde Mental da Galiza 2020-2024", o incremento do "persoal de hospitalización a domicilio de saúde mental en Santiago, Pontevedra e Ourense, o que implica maior cobertura territorial e horaria", o "reforzos en todas as áreas nos programas sociosanitarios de saúde mental que dan servizo ás residencias de maiores" e os progresos "no desenvolvemento do Plan de Saúde Mental da Galiza poscovid 2020-2024, vixente desde o inicio da lexislatura".

Pola súa parte, a secretaria nacional da CIG-Saúde, María Xosé Abuín, discrepa da valoración dos responsábeis do Sergas e considera insuficientes os medios da Administración. Así, manifesta a Nós Diario que "a saúde mental é a grande esquecida do sistema sanitario galego" e denuncia "unhas listas de agarda interminábeis".

Abuín considera insuficiente o cadro de persoal deste servizo e lembra que "as ratios de persoal coas últimas incorporacións efectuadas polo Sergas están por baixo das cifras recollidas no primeiro Plan Galego de Saúde Mental elaborado na década dos 90".

Críticas de profesionais

O psicólogo clínico do Sergas José Berdullas, sinala a Nós Diario que as ratios de psicólogos clínicos na Galiza son as máis baixas do Estado. "A situación previa á pandemia xa era desastrosa", afirma Berdullas, quen lembra que "estamos á cola do Estado en número de psicólogos clínicos, con 3,5 profesionais por cada 100.000 habitantes, fronte a 5,7 por 100.000 da media estatal e moi lonxe de 18 por 100.000 da UE".

Na mesma liña significa, que "as unidades de saúde mental do sistema sanitario galego están cheas con citas a nove meses e mesmo con consultas, nalgún caso, a un ano". "É certo que hai máis profesionais contratados que hai un ano, pero co actual modelo é imposíbel prestar unha atención mellor", remata Berdullas.