Até 20 parques eólicos autorizados pola Xunta están en reservas da biosfera

Parque eólico da serra da Capelada, na comarca de Ortegal. (Foto: Imaxepress)
As reservas das biosfera son zonas de ecosistemas terrestres ou costeiros/mariños recoñecidas como tales nun plano internacional polo Programa MAB da Unesco.

Unha vintena de futuros parques eólicos, que forman parte dos 77 proxectos que obtiveron unha declaración de impacto ambiental (DIA) favorábel da Xunta da Galiza (o seu permiso de conexión caducaba esta semana se non conseguían a autorización en prazo), están nunha reserva da biosfera de forma parcial ou integramente.

Gran parte desta vintena atópase na reserva da biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, como é o caso dos 40 megawatts do parque Feás (40 millóns de investimento) ou dos 37,9 megawatts do parque Legre.

Tamén se encontran exemplos como o de San Cristovo (que empraza 28 megawatts na reserva de Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel) ou o de Serra da Piñeira (con 35 megawatts na reserva Terras do Miño).

As reservas da biosfera

As reservas das biosfera son zonas de ecosistemas terrestres ou costeiros/mariños recoñecidas como tales nun plano internacional polo Programa MAB da Unesco. Deben cumprir tres funcións básicas: conservación de biodiversidade e ecosistemas, desenvolvemento de poboacións locais e apoio á investigación.

A pesar de que a Xunta garante nas súas autorizacións que son "proxectos ambientalmente viábeis" múltiples asociacións ambientalistas e ecoloxistas veñen denununciando os perigos para múltiples especies de aves, como a tartaña cincenta.

Lista

Así, os parques que emprazarán os seus megawatts en reservas da biosfera son: Carboeiro (Arteixo, Culleredeo e A Laracha); Feás (Aranga e Coirós); Felga (Aranga, Coirós e Oza-Cesuras); Gato (Aranga e Oza-Cesuras); Penas Boas (Oza-Cesuras e Aranga); Seselle (en Oza-Cesuras); Legre (Mesía e Oza-Cesuras); As Encrobas (Ordes, Carral e Cerceda); Farrapa II (Abadín); Serra da Piñeira (Becerreá, Baralla e Láncara); Reboiro (Baralla, Castroverde e O Corgo); Monte do Cordal (Friol); San Cristovo (Monterroso e Taboada).

Ademais, danse os casos como os de Meirama (Cerceda e A Laracha), onde a zona de actuación da liña se lapela nuns 400 metros do tramo soterrado nos límites da reserva.