O concello, sen pediatra durante un mes

Un médico en Soutomaior chega a atender 65 pacientes ao día

Soutomaior é un dos concellos galegos con máis nacementos. Porén, estará un mes sen pediatra. As denuncias van alén disto. Segundo dados fornecidos a Sermos Galiza pola CIG-Saúde, un médico de familia chega a atender neste concello da comarca de Vigo 65 pacientes ao día. O BNG convocou unha mobilización para o domingo ás 12.30h en Arcade, na alameda de Talo Río.

Centro de saúde de Arcade, en Soutomaior
photo_camera Centro de saúde de Arcade, (Soutomaior)

Rubén é o pai dun neno que fixo 2 anos o 7 de outubro. Cando foi pedir a cita na primeira semana deste mes para a revisión pediátrica anual, a resposta foi: “ou esperas un mes ou aténdeo a enfermeira”. “Dixéronme que podía medilo e pesalo a enfermeira e que a revisión quedaba resolta, mais eu quero que o vexa a súa pediatra. Temos cita para o 6 de novembro, case un mes”, afirma, en declaracións a Sermos Galiza.

Non é a primeira vez que o concello de Soutomaior, con 7.356 habitantes, segundo os últimos dados do censo de poboación, queda sen pediatra. Isto acontece durante as vacacións da pediatra titular ou no caso de que teña que coller unha baixa. E isto malia que Soutomaior é un dos concellos galegos con máis nacementos, debido á condición de Arcade como vila dormitorio, pola súa proximidade con Pontevedra e Vigo.

“A opción que nos dan ás familias é irmos ao concello de Vilaboa, mais só se se trata dun caso de urxencias e, obviamente, colapsamos este servizo”, engade Rubén.

Vilaboa, con menos habitantes, ten 4 médicos e Soutomaior, 2 e medio

Precisamente, con Vilaboa estabelece unha comparanza ilustrativa o Grupo Municipal do BNG de Soutomaior, que este domingo, ás 12.30h convocou unha concentración en Arcade (Talo Río) para denunciar unha situación “insostíbel”. “Segundo os últimos dados dispoñíbeis, Vilaboa ten 6.043 habitantes e conta con 4 médicos de familia, mentres que Soutomaior ten 7.356 habitantes e ten dous médicos de familia e medio –dous a xornada completa e un a xornada parcial”, salienta o portavoz do BNG en Soutomaior, Manuel Lourenzo.

O BNG convoca para este domingo, 29 de outubro, unha concentración ás 12.30h en Talo Río (Arcade)

“A semana pasada non se cubriu a baixa dun dos médicos titulares e o outro médico do centro de saúde de Arcade tivo que saír atender unha urxencia. Quedou o equipamento sen médico de familia ningún”, denuncia o portavoz nacionalista.

A falta de médicos en Soutomaior e a sobresaturación tamén é advertida pola CIG-Saúde, quen informa este medio de que os médicos que traballan neste concello chegan a atender 65 pacientes ao día, “unha barbaridade”, subliñan as fontes consultadas.

Os médicos que traballan neste concello chegan a atender 65 pacientes ao día

O abandono que sofre a sanidade neste concello da comarca de Vigo vén de lonxe. Manuel Lourenzo asegura que o BNG leva máis de dous anos denunciando a situación, “intentámolo todo: levamos mocións ao pleno –que o Goberno municipal do PP aproba mais que garda nun caixón para non tramitalas-; rexistramos emendas aos orzamentos da Xunta –co voto en contra do PP-, levamos unha iniciativa ao Parlamento galego –tamén co voto en contra do PP-… ao final os feitos están aí: o Partido Popular di estar pola sanidade pública á vez que vota en contra de que Soutomaior conte cunha atención sanitaria xusta”.

Esgotada a vía político-administrativa, explica o portavoz nacionalista, “o único que nos queda é a mobilización social, pois a situación é insostíbel”. Aínda así, o concelleiro do BNG segue a tenderlle a man ao alcalde, Agustín Reguera (PP). “É un asunto que transcende calquera discrepancia política e debería unir todas as veciñas e veciños”, afirma Manuel Lourenzo, quen informa Sermos Galiza de que até en dúas ocasións lle enviou ao alcalde unha carta para lle solicitar unha reunión dos tres portavoces municipais (PP, BNG e PSOE) co conselleiro de Sanidade, “dúas cartas e ningunha respondida”.

Manuel Lourenzo, quen lembra que a Xunta de Persoal Sanitaria aprobou unha resolución en que se advertía da insuficiencia de persoal en Soutomaior, empraza Agustín Reguera a “desistir da súa actitude de defensa do PP por riba das veciñas e veciños”. “Pedímoslle que se sume a unha demanda de toda a veciñanza que está moi por riba de calquera partido político”, conclúe.

Comentarios