Até 20.000 euros en multas por un escrache á conselleira de Traballo

Imaxe: SG

Esa é a sanción que poderían enfrontar @s militantes de Galiza Nova que foron retid@s, identificad@s e denunciad@s pola Garda Civil e a policía española nun protesto contra a política de emprego da Xunta.

 

En comparecencia de impresa, o secretario xeral de Galiza Nova, Alberte Mera, e Antía Ínsua --membro da Dirección Nacional da organización xuvenil-- tildaron de "represión económica" a denuncia imposta polas forzas de seguridade españolas ás mocidades do BNG logo de seren retidas e identificadas no interior do Palexco na Coruña. 

Denuncian teren sido retid@s e identificad@s por se manifestaren pacificamente polo emprego digno

Os acontecementos que tiveron lugar durante un acto público en que participaba a conselleira de Traballo, Beatriz Mato, poderían supor máis de 20.000 euros en multas para Galiza Nova "por exixirmos pacificamente", explicou Mera "emprego digno na nosa terra". 

Portando uns cartaces en que se podía ler "os vosos sobres os nosos recortes" ou "80.000 moz@s no paro, Beatriz Mato demisión" e ao berro de "Galiza ceibe, sen emigración" perto dunha vintena de militantes de Galiza Nova participaron nun protesto que visaba denunciar a inacción da Xunta de Galiza face as alarmantes cifras de desemrego xuvenil e que atinxen xa a máis do 50% da mocidade galega. 

Denuncian a "actitude chulesca" dos axentes

No entanto, @s moz@s foron expuls@s do salón de actos por axentes da Garda Civil que pocederon á súa identificación e retención por volta das 19.00 horas da pasada quinta feira. Desde Galiza Nova, aseguran que o protesto se desenvolveu "pacificamente" e denuncian "a actitude chulesca da garda civil e da policía" que mesmo empurrou a varias das manifestantes. 

Chaman a mocidade a continuar "loitando pacificamente por un traballo digno"

Aliás, explicaron Mera e Ínsua, el@s propi@s foron advertid@s pola policía española que “amais de sermos multados por alterar a orde pública nun acto institucional seriamos apercibidos por non ter unha actitude colaborativa, é dicir, por simplemente preguntarmos por que nos estaban retendo”, denunciou o secretario xeral de Galiza Nova.

"Represión económica" contra as voces críticas

Para a organización xuvenil esta medida --que coidan desproporcionada-- é "a estratexia do PP" para acalar as voces críticas coas súas políticas antisociais. Porén, lanzaron un chamamento á mocidade galega a se "rebelar de maneira pacífica, contra este panorama inxusto", apunto Antía Ínsua quen sinalou que “malia os empurróns, represión, identificación, ameazas do PP e demais manobras da policía" continuarán, dixo, "loitando pacificamente por un traballo digno”.