A Garda Civil retén unha vintena de militantes de Galiza Nova por protestar contra a conselleira de Traballo

Policía identifica á militancia GN

Os axentes identificaron @s militantes que acudiron a un Congreso onde participaba a conselleira de Traballo para protestar polas taxas de paro que atinxen a mocidade e a falta de políticas activas de emprego da Xunta de Galiza. A Garda Civil e a policía española acúsaos de "alteración da orde pública" nun "acto oficial". 

 

Perto dunha vintena de militantes de Galiza Nova foron retid@s por axentes da policía española e a Garda Civil no interior do Palexco da Coruña. A organización xuvenil do BNG desenvolveu esta quinta feira un protesto no interior do Pazo coincidindo cun acto da conselleira de Traballo, Beatriz Mato, á que apuparon polas elevadas taxas de desemprego que atinxen á mocidade galega. 

O secretario xeral de Galiza Nova e unha membro da Dirección Nacional ademais de seren denunciad@s foron apercibid@s por preguntar por que se lles identificaba

Após seren expuls@s do salón en que tivo lugar a comparecencia de Mato por varias parellas da Garda Civil, @s moz@s foron retid@s e identificados acusad@s de "alterar a orde pública" nun "acto oficial". 

Até o lugar, ademais, desprazáronse varias furgonetas da Policía Nacional e vehículos da Garda Civil, nun operativo que non deixa de ser sorprendente para unha protesta pacífica.

Zarandead@s e empurrad@s

En conversa con Sermos Galiza, o secretario xeral de Galiza Nova, Alberte Mera, asegurou que a militancia fora "zarandeada e empurrada" ao tempo que se lles negou a posibilidade de abandonar o Palexco. Con posterioridade varios axentes da Garda Civil e da policía española exixiron @s moz@s a súa identificación e informáron@s de que serán denunciad@s. Aliás, explicou Mera, "eu e máis unha compañeira da Comisión Permanente fomos apercibidos por", asegurou a Garda Civil, manter "unha actitude pouco colaboradora" e "non portar o documento de identidade".