Cibercarrachos paralizan a rede de servidores informáticos de Teo desde a pasada cuarta feira

Fachada da casa do Concello de Teo. (Foto: Nós Diario)

Os feitos foron denunciados ante a Garda Civil, que abriu xa a súa propia investigación.

Os servizos informáticos do Concello de Teo (comarca de Compostela) están paralizados desde a pasada cuarta feira, 24 de xaneiro, como consecuencia dun ciberataque que afectou o funcionamento administrativo do municipio. Nun comunicado emitido esta segunda feira, o Goberno local que encabeza a rexedora Lucía Calvo sinalou que os servizos municipais traballan para restabelecer as condicións para recuperar os servidores.

O ataque informático non afectou, segundo o concello, aos "grandes paquetes de información" como contabilidade, portasinaturas, Tedec ou o servizo da páxina web, xa que están aloxados en servidores da Deputación da Coruña ou de empresas externas.

Deste xeito, os técnicos traballan para restabelecer os servizos e recuperar a información da copia de seguridade, feita de forma externa o mesmo día do ataque. Ademais, os equipos están a ser "desinfectados" para poder restabelecer os servizos básicos de atención á cidadanía "canto antes".

Protocolo de actuación

O ciberataque motivou a activación desde "primeira hora" da quinta feira, 25 de xaneiro, o protocolo de actuación ante a detección dunha intrusión non autorizada no sistema, que está a ser investigada en colaboración coa Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Deputación da Coruña.

Así mesmo, os feitos tamén foron denunciados ante a Garda Civil, quen abriu a súa propia investigación, na que participaron axentes da Policía Xudicial desprazados ao concello teense, segundo informou o Goberno municipal.

O Concello de Teo agradece o traballo do equipo técnico que trata de liquidar a situación provocada polo ciberataque e anima a veciñanza para reportar casos de posíbeis comunicacións dubidosas na que o consistorio figure como remite.