AURORA ANTúNEZ, ASOCIACIÓN ENRIQUETA OTERO

"Asumir que vivimos nunha sociedade machista non é fácil"

Aurora Antúnez [Imaxe Victoria Fernández / cedida]

Conversamos coa presidenta das Quetas sobre mulleres, violencia machista e rural. 

Aurora Antúnez é presidenta da Asociación Enriqueta Otero de mulleres luguesas contra a violencia de xénero. Na Comisión de Igualdade do Parlamento analizou a realidade que atinxe as mulleres do rural a respeito da violencia machista, a falta de servizos e de información combinados cunha poboación avellentada e dispersa, nomeadamente nas zonas de montaña.

Unha intersección, a da muller e o rural, da que non se fala habitualmente mais que exixe deseñar accións específicas que permitan introducir a mensaxe da prevención e sensibilización de maneira "transversal" e "indirecta", por exemplo, através de obradoiros ou filmotecas. 

Neste eido desenvolve a asociación a súa actividade levando por bandeira o nome dunha miliciana e resistente comunista galega --militante do PCG, Enriqueta Otero

Estase a cumprir a lexislación en materia de violencia machista?
Maioritariamente si mais hai moitos aspectos que non se desenvolven como o dereito á información e á atención especializada que non se está a cumprir nos termos en que recolle a lexislación. Eis o caso dos Centros de Información á Muller (CIM) que son inexistentes en parte das provincias de Lugo e Ourense, nomeadamente na montaña, onde as mulleres non están a ser atendidas. Para nós isto non é xusto porque teñen os mesmos dereitos que calquera outras. 

"As políticas de igualdade sufriron recortes drásticos por mor da crise ou dos gobernos, de facto non sei cal foi a escusa"

Para alén dos CIM, faltan máis recursos nas comarcas do interior?
En xeral faltan. As políticas de igualdade sufriron recortes drásticos por mor da crise ou dos gobernos, de facto non sei cal foi a escusa. Recortes que se produciron quer a nivel autonómico, quer estatal, e os concellos non teñen moi claro se teñen competencias en materia de igualdade. Está todo moi difuso. 

Que trazos atinxen as mulleres en situación de violencia machista no rural?
Vense incrementadas todas as características das mulleres en situación de violencia. Polo illamento, porque a poboación rural está moi espallada, por non ter acceso aos servizos, porque a veciñanza moitas veces sabe da violencia e ninguén fai nada o que fai crer ás mulleres que iso é normal, que hai que aguantar. Se temos, en xeral, poucos espazos públicos, no rural son inexistentes en moitos casos. 

"Se temos, en xeral, poucos espazos públicos, no rural son inexistentes en moitos casos"

Na túa intervención na Comisión de Igualdade sinalabas a amizade entre o asasino de Ana Gómez co tenente de alcalde e co responsábel da Garda Civil. Inflúen as dinámicas propias do rural nas situacións de violencia machista?
Non deberían afectar á profesionalidade mais na mente da muller si o fai porque, como vai pedir axuda ao amigo do seu agresor? Iso limita á hora de pedir axuda ou denunciar. 

Tamén falaches do tratamento mediático da violencia contra as mulleres...
Estamos bastante sorprendidas pois como entidade préstasenos atención, hai interese e sensibilidade polo tema, mais despois atopámonos esa focaxe na que se sinala que o agresor era 'unha boa persoa' que 'ninguén imaxinaba que iso podía acontecer'. Non entendemos esta falta de coherencia. Os medios exercen unha forte influencia social mais imos a contracorrente pois as mensaxes que se nos lanzan desde os medios, a publicidade ou a música van en contra daquelo polo que nós traballamos que son relacións saudábeis. 

Falta formación?
Para nós a formación é fundamental por iso decidimos traballar neste plano. Decatámonos de que o mesmo que estamos a facer agora xa o faciamos hai 8 anos. Iso é moi frustrante. Precísase formación e sensibilización, comprender de onde vén a violencia machista e como atallala para rematar con ela. 

" Decatámonos de que o mesmo que estamos a facer agora xa o faciamos hai 8 anos. Iso é moi frustrante"

No caso das mulleres rurais, cómpren accións diferentes para facer chegar a mensaxe?
Tentamos trasladar de maneira transversal a perspectiva de xénero pois cando falamos de violencia machista de maneira directa a xente ponse á defensiva porque supón cuestionarmos a nós propios. Asumir que vivimos nunha sociedade machista non é fácil. Por iso usamos actividades que leven á reflexión de maneira indirecta. Por exemplo, con obradoiros de feltro nos que traballamos con imaxes e frases de mulleres como Rosalía de Castro e Frida Kahlo a partir das que introducimos a mensaxe de prevención. Sería interesante poder colaborar con todas esas asociacións de mulleres rurais e introducir nelas a perspectiva de xénero. 

Arredor do asasinato de Ana Gómez en Becerreá estase a falar do trato que recibiu por parte da Casa da Muller e dos servizos municipais cando acudiu para pedir información. As institucións aseguran que sen denuncia non poden actuar, cumpriría revisar este feito?
O ótimo sería que se denunciase sempre mais realmente non se fai e moitas veces a denuncia aumenta o propio risco das mulleres. Pola nosa experiencia sabemos que hai mulleres que non queren denunciar e como profesionais tampouco sabemos ben que facer. Non nos resulta doado. É moi complexo mais tamén nos preocupa que se poña no punto de mira o funcionamento dos servizos porque é un pouco perigoso se non se fai con responsabilidade. Se algo non funciona hai que denuncialo mais non podemos trasladar a idea de que as mulleres fican soas porque non funcionan.