crise dos pellets

Asturias recibe axuda do Estado para a limpeza de pellets a diferenza da Galiza, que non a solicitou

Recollida de pellets nunha praia asturiana (Foto: Jorge Peteiro / Europa Press).
O nivel 2 de alerta supón que se permite incorporar ao dispositivo de limpeza e retirada medios distintos aos municipais, incluíndo recursos estatais e a súa coordinación a través do Centro de Coordinación Operativa Integrada, onde están representadas as distintas administracións implicadas.

Asturias recibirá ao longo desta cuarta feira material e os medios necesarios para comezar coa limpeza de modo profesional das praias do seu territorios afectadas pola crise dos pellets. Así o anunciou esta terza feira a vicepresidenta terceira e ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera. Galiza, pola súa parte, non solicitou esta axuda ao Estado polo que deberá agardar.

O presidente do Executivo galego, Alfonso Rueda declaraba esta terza feira o nivel de alarma 2 após telo feito precisamente Asturias e en contra do que viña mantendo nas xornadas anteriores. En declaracións á prensa esta terza feira Rueda anunciou que aumentaría o nivel mais, de momento, por non solicitalo, non recibirá axuda do Estado.

Nivel 2

O nivel 2 de alerta supón que se permite incorporar ao dispositivo de limpeza e retirada medios distintos aos municipais, incluíndo recursos estatais e a súa coordinación a través do Centro de Coordinación Operativa Integrada, onde están representadas as distintas administracións implicadas.

Euskadi tamén activaba a alerta no seu territorio a pesar de non teren recibido aínda pellets nos seus areais. A conselleira de Desenvolvemento Económico, Sustentabilidade e Medio Ambiente do Goberno vasco, Arantxa Tapia precisou que traballarán por eliminar ao máximo os residuos en alta mar, aínda que recoñeceu que probabelmente chegarán ás praias vascas.