crise dos pellets

Teresa Ribera sobre se a Xunta solicitou axuda na crise dos pellets: "Non pediron nada en concreto"

A ministra española de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera (Foto: Marta Fernández / Europa Press).
Sobre se o Goberno do Estado tivo coñecemento de que a Xunta formalizase xa o procedemento de emerxencia, Ribera dixo que o seu Executivo soubo diso "a través dos medios de comunicación, máis que a través dunha comunicación directa, que aínda" non recibiu.

A vicepresidenta terceira e ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, afirmou esta cuarta feira que a petición de axuda da Xunta da Galiza "non se concreta aínda en nada particular, salvo unha referencia xeral a que" o Goberno español faga "esforzos para recoller os pellets en alta mar" tras a vertedura.

"Cousa que, como o mesmo conselleiro do Mar, Alfonso Villares, recoñecía na carta que enviou aos concellos, é imposíbel polo tamaño dos pellets, salvo que houbese bolsas de gran tamaño que se puideron identificar", subliñou Teresa Ribera nunha entrevista concedida a RNE.

Neste sentido, remarcou que Salvamento Marítimo fixo xa "uns cuantos voos de recoñecemento, segue as imaxes por satélite e non son visíbeis" e engadiu que "moi dificilmente" se van poder recoller no mar. "É practicamente imposíbel", remachou, para despois engadir que "hai xa semanas que as correntes mariñas pódenas levar dun sitio a outro. Por iso, precisamente, a alerta non salta até que non tocan terra. É o momento en que se fai visíbel a aparición deses pellets".

Sobre se o Goberno do Estado tivo coñecemento de que a Xunta formalizase xa o procedemento de emerxencia, Ribera dixo que o seu Executivo soubo diso "a través dos medios de comunicación, máis que a través dunha comunicación directa, que aínda" non recibiu. Con todo, engadiu que o secretario de Estado chamou onte a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, unha vez que anunciaron que ían decretar o nivel 2.

Mensaxe da navieira

Respecto a se se perderon días para actuar, a vicepresidenta afirmou que o 8 de decembro o propio armador, a navieira, lanza unha mensaxe de seguridade para a navegación, indicando que un golpe de mar fixo caer contedores e "pono coñecemento para que os barcos que están na zona non se choquen con eses contedores".

"Este é un aviso rutineiro que procede do armador e é o que serve de referencia para que cando aparece ese material nas praias, se poña de volta a mensaxe e se pregunte se aqueles contedores que aparentemente caeran ao mar contiñan algún deles ese material que está a aparecer nas praias, pero non é unha mensaxe dirixida nin desde Portugal nin cara ás autoridades españolas", manifestou.

Preguntada sobre as distintas versións que manteñen o Goberno estatal e a Xunta en canto á información que se foi fornecendo sobre a vertedura, Ribera contestou que "afortunadamente hai todo un tracking, toda unha rastrexabilidade de como se van producindo as comunicacións desde o mesmo día 13 de decembro no cal o 112, o servizo da propia Xunta, se comunica coas autoridades de Capitanía Marítima, de Mariña Mercante, dicindo que hai particulares que están a avisar da aparición deses pellets nas praias de Porto do Son e de Ribeira".