Asociacións de solidariedade con Palestina organizarán un acto de repulsa do xenocidio de Israel contra o pobo palestino

Concentración de apoio a Palestina decorrida o 3 de abril en Vigo. (Foto: Nós Diario)
O próximo domingo, día 21, a partir das 11 da mañá na Praza da Quintana, organizarán un mosaico xigante coas cores da bandeira palestina.

 As Asociacións Galaico Árabe Jenin,  BDS- Galiza, Mar de Lumes e Galiza por Palestina veñen de facer público un comunicado mediante o cal convidan á cidadanía galega a asistir ao montaxe dun mosaico dunha grande bandeira palestina.

As catro asociacións da Coordinadora Galega de Solidariedade coa Palestina, que organizan desde hai xa máis de seis meses concentracións periódicas en toda a Galiza para mostrar a súa repulsa polo xenocidio que Israel comete contra o pobo palestino, nomeadamente na Faixa de Gaza, anuncian que o próximo domingo, día 21, a partir das 11 da mañá na Praza da Quintana, organizarán un mosaico xigante coas cores da bandeira palestina.

O acto, que será aberto e estará animado por música palestina, contará coa actuación dun grupo de animación de rúa e un grupo musical de escolares galegas.

 

Conducido por Iván Prado

Será conducido polo recoñecido clown Iván Prado, fundador e porta-voz de Pallasos em Rebeldía, unha agrupación que actuou en numerosas ocasións na Palestina e formou unha escola de clowns em Gaza e na Cisxordania cuxas instalacións e integrantes foron ferozmente atacados nos últimos meses polo exército sionista.

Os colectivos organizadores do evento esperan contar coa participación de máis de medio millar de voluntarias que formarán a bandeira palestina e animan todas as persoas que o desexen a se  incorporaren ao acto e mostraren así o seu rexeitamento à cruel política de xenocidio e limpeza étnica que o ente sionista practica desde hai xa 75 anos contra o pobo palestino, com violencia renovada nestes últimos 6 meses durante os cales tenta destruir todo vislumbre de vida e resistencia palestina na Faixa de Gaza e na Cisxordania.