Asociacións pro Israel poñen Oleiros no seu punto de mira: “Exhibe propaganda antisemita”

Panel en Oleiros (Foto: MNG)

Unha decena de colectivos de amizade con Israel no Estado español subscriben un comunicado no que exixen a retirada das mensaxes como a que cualifica Benjamin Netanyahu de “criminal de guerra”.

Diferentes paneis luminosos en Oleiros acollen desde hai semanas mensaxes de dencuncia contrra o masacre en Gaza. “Non ao xenocidio en Gaza” ou “Netanyahu, criminal de guerra. Paremos a besta!” son algunhas das palabras de orde que se poden ler nesas instalacións municipais.

Varias asociacións no Estado español de apoio a Israel veñen de asinar un comunicado conxunto no que critican o Goberno deste concello da comarca da Coruña por esas mensaxes. “Queremos mostrar a nosa preocupación pola actividade de determinadas autoridades municipais como a do Concello de Oleiros, na Galiza”, indican no escrito.

“Volve satanizar as autoridades de Israel con insultos extemporáneos de carácter antisemita publicados nas marquesiñas de información municipal do Concello”, critican.  “Mostramos a nosa repulsa e total condena tanto polos insultos como por utilizar espazos públicos para exhibir propaganda antisemita e esiximos a inmediata retirada deses carteis das marquesiñas do concello de Oleiros destinadas á información municipal”, conclúen.

Desde o inicio da actual invasión da Faixa de Gaza por Israel o número de vítimas mortais supera as 28.000, a grande maioría delas menores de idade e mulleres.

Logo de que os bombardeos indiscriminados e o intento de invasión israelí do territorio palestino de Gaza afectaran 84% das instalacións sanitarias da Faixa segundo a Organización das Nacións Unidas (ONU), os militares sionistas iniciaron esta semana o asalto con tanques ao hospital Nasser de Khan Younis, no sur do enclave.