Asociacións de bateeiros defenden aos detidos polas protestas e denuncian "violencia policial esaxerada"

Momentos de enfrontamento entre bateeiros e policía. (Foto: Captura de pantalla da CRTVG)

Un total de 28 colectivos de bateeiros da Galiza asinan un comunicado “desmentindo” o contido do atestado policial.

Case unha trintena de asociacións do sector produtor de mexillón da Galiza emitiron un comunicado no que defenden os seus 10 compañeiros que foron detidos como consecuencia das protestas ante as dependencias da Xunta en San Caetano, en Compostela, o pasado 13 de abril. A concentración do sector en Compostela respondía ao conflito entre bateeiros e percebeiros pola explotación da mexilla, enquistado desde hai anos.

Neste escrito, asinado por un total de 28 colectivos de bateeiros que representan a "gran parte" do sector, esgrimen que hai "infinidade de gravacións" de teléfonos móbiles que desmontan o relato policial e demostran que os manifestantes foron "vítimas desde o momento da chegada", porque sufriron "unha violencia policial esaxerada e desproporcionada".

As asociacións de mexilloeiros ven "fóra de lugar" todo o contido do atestado. E é que, segundo a versión da Policía española nun comunicado, naquela concentración os participantes comportáronse "con gran violencia" contra o dispositivo de seguridade, que dispuña de persoal antidisturbios.

Durante esa xornada, as forzas da orde (segundo a Policía española) comisaron "paus de gran tamaño, petardos, parafusos, porcas, cadeas, reixas metálicas dos desaugadoiros, bolardos metálicos" e "utensilios de fabricación caseira para o lanzamento de obxectos".

Con todo, os colectivos de mexilloeiros afirman que as gravacións dos móbiles permiten ratificar que "estes feitos non son certos" e defenden que simplemente "se concentraron para facer visíbel a súa desesperación".

"Non se escalou o valo nin se queimaron contedores e, con todo, foron recibidos con violencia desproporcionada", engaden neste escrito, no que se din "totalmente desconcertados".