Milleiros de mexilloeiros protestan en Compostela contra a Xunta da Galiza

O sector mexilloeiro volveu a concentrarse na mañá deste sábado en Compostela para demandar á Consellaría de Pesca unha solución ao conflito xerado pola administración galega co decreto de xestión da mexilla.

Protesta mexilla
photo_camera Concentración do sector do mexillón na mañá de 20 de maio en Santiago de Compostela.

A sede da Xunta da Galiza en Santiago de Compostela foi escenario dunha nova mobilización do sector mexilloeiro. A protesta contou coa presenza de milleiros de persoas procedentes de diversas comarcas da costa galega

O voceiro da Federación de mexilloeiros de Arousa Norte, Alex Tubío, destacou ao remate da protesta a Nós Diario “a importante participación na mobilización de hoxe” e manifestou “a intención do colectivo de continuar coas protestas”.

A xestión da mexilla

A principal reclamación dos manifestantes volveu ser a retirada do decreto do Goberno galego que outorga a explotación da mexilla ás confrarías de pescadores. Neste sentido, os bateeiros esixiron retornar ao modelo vixente até 2019.

Tubío explicou que para elaboración desa proposta “nunca se nos consultou nin informou” e a nova normativa fíxose “totalmente de costas bateeiros, que non soubemos nada até despois da súa aprobación”.

O representante dos mexilloeiros  revelou que “despois de dicirnos que na campaña da mexilla do ano 2021-2022 non ía haber modificacións, dous días antes de comezar a campaña dannos feitos uns mapas que tivemos que tragar. Nunca, en ningún momento da elaboración deses mapas de exclusividades se nos dou a mínima posibilidade de aportar o noso parecer”.

50.000 empregos en risco

Os organizadores da protesta sinalaron que esta medida pon en risco unha actividade que ocupa máis de 20.000 persoas de xeito directo e outras 30.000 de xeito indirecto. Nesta dirección, lembran que a produción vense situando arredor de “200 millóns de quilogramos anuais”.

Os mexilloeiros indicaron nun manifesto lido durante a protesta que “cando se fala de mexillón fálase dun alimento de moita calidade e moi asumíbel”. A este respecto, apuntaron que “nun momento de crise alimentaria, onde os produtos alimentarios chegan a prezos que os fan non asumíbeis para moitos fogares, nós estamos a ofrecer unha proteína das máis sas e completas”.

O sector asegura que “cando se fala de mexillón tamén se fala de ecoloxía e sustentabilidade. Somos acuicultura ecolóxica, non empregamos pensos nin fertilizantes nin antibióticos. Facemos o noso traballo con materiais reciclados A pegada de carbono da nosa actividade é practicamente nula”.

Comentarios