A asociación Vaipolorío culmina unha campaña de limpeza do río Gafos tras retirar 1,5 toneladas de residuos

Membros da asociación Vaipolorío limpando o río Gafos (Foto: Vaipolorío).
A última xornada foi, segundo indican, a máis "difícil e desagradábel", ao longo dos 100 metros que se estenden desde a estación de autobuses até o albergue de peregrinos. Alí extraeron uns 800 quilos de desperdicios, entre roupa, colchóns e electrodomésticos, principalmente.

A Asociación Vaipolorío retirou máis de 1.559 quilos de residuos durante a 23ª campaña de limpeza do río Gafos, en Pontevedra, desenvolta durante as mañás de cada domingo deste mes de agosto.

A última xornada foi a máis "difícil e desagradábel", ao longo dos 100 metros que se estenden desde a estación de autobuses até o albergue de peregrinos. Alí extraeron uns 800 quilos de desperdicios, entre roupa, colchóns e electrodomésticos, principalmente.

O presidente de Vaipolorío, Gonzalo Sancho, asegurou que terán que abordar "moi en serio" a situación, reiterándolles ás autoridades locais e autonómicas que levan moito tempo "mirando para outro lado" ante o estado "execrábel" deste lugar.

Un total de 21 voluntarios colaboraron, por segundo domingo consecutivo, na limpeza deste tramo; debido ao mal cheiro, entre auga estancada e a presenza de chatarra, aceites e gases producidos pola descomposición de materia orgánica, tiveron que utilizar máscara, nalgúns casos, para realizar o seu labor. Empapada de auga, cargada de terra e enredada nas pedras e raíces do leito do río, a retirada da roupa que atascaba o leito foi "terríbel".

"Vaipolorío sempre tivo a aspiración de recuperar un río deteriorado e, nese tramo, segue moi estragado", asumindo que a dinámica de utilizar o leito fluvial como vertedoiro "vai repetir de forma periódica".

Ponte do Couto

Os responsábeis de Vaipolorío tamén van pór en coñecemento de Patrimonio a deterioración da Ponte do Couto, unha construción que "arquitectonicamente ten interese, como destacaran figuras como José Filgueira Valverde", antigo director do Museo de Pontevedra, polo que pediron "cobertura legal para catalogar e musealizar" este histórico paso sobre o Gafos. "As pedras fóronse desfacendo e non se repuxeron porque por alí non pasa ninguén", denunciou Sancho.

"É a peor zona do río, hai demasiados residuos", lamentou o presidente de Vaipolorío. No polo oposto, a zona alta e media do Gafos, no ámbito rural, atópase en "moi bo estado". As dúas primeiras xornadas de limpeza desenvolvéronse neste territorio, en contacto coa natureza, roldando os 25 quilos de residuos en cada unha.

Como anécdota, nesta zona atopouse unha botella de leite esterilizada Aly, de Lácteas Leonesas, datada na década de 1970, que se incorporou ao museo de antigüidades e obxectos curiosos recuperados por Vaipolorío.