A Asociación de Medios en Galego homenaxea en Ourense Valentín Lamas Carvajal

Pablo García, presidente da Amega intervén na homenaxe a Lamas Carvajal (Foto: Amega).
Valentín Lamas Carvajal fundou o primeiro xornal escrito integramente en lingua galega: 'O Tío Marcos da Portela'.

O presidente da Asociación de Medios en Galego (Amega), Pablo García Fernández, gabouse en Ourense de que o uso da fala “contra vento e marea, cumpre os desexos” do fundador do primeiro xornal en galego, Valentín Lamas Carvajal, que deveceu porque non haxa “un curruncho na nosa patria onde non se oia o noso melosiño lenguaxe, e así serán os novos cimentos dun porvir cheo de gloria”, segundo dixo.

García Fernández interviu na homenaxe decorrida esta terza feira no Liceo de Ourense “lonxe” daquel Día das Letras Galegas de 1972 dedicado a Lamas Carvajal pero como celebración do 147 aniversario da publicación do primeiro parágrafo do xornal que fundou, O Tío Marcos da Portela. Na homenaxe estiveron tamén a tataraneta do homenaxeado, Ana Malingre, o ex presidente da Amega, Henrique Sanfiz, o cronista da cidade de Ourense Alfonso Vázquez Monxardín e o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta da Galiza, Valentín García.

Na súa intervención, o presidente explicou que na Galiza está “consolidada” unha rede estábel de medios de comunicación en galego, un total de 140 que "usan o galego como lingua vehicular".

Aludiu, porén, aos problemas, “sobre todo na prensa escrita”, do xornalismo en galego fronte á “dura competencia cos grandes grupos mediáticos foráneos que impoñen referentes que non teñen a ver coa realidade galega”, xa que só é Nós Diario, o único medio do país que publica en papel e integramente en lingua galega.

Nese sentido, lembrou que O Tío Marcos da Portela, sen internet, tiña subscritores no Bierzo, na Habana, Granada ou Zaragoza e animou os actuais medios de comunicación a seguir traballando “arreo” para que galegos e galegas non queden privados do dereito de informarse e vivir en galego como fixo hai 147 anos Valentín Lamas Carvajal co seu xornal, que alcanzou unha tirada de 4.000 exemplares.

"Malos tempos para os contidos informativos"

Pola súa parte, o ex presidente da asociación organizadora do acto, Henrique Sanfiz, puxo en valor o traballo do xornalista e intelectual ourensán, ao relatar que nas redes sociais están a desaparecer os contidos informativos “porque Silicon Valley aprendeu que as noticias son un negocio complicado, caro e con escasas marxes, e así era tamén en 1876, cando Lamas Carvajal publicou o número un do seu periódico monolingüe en galego”. Segundo Sanfiz, Lamas Carvajal foi o escritor galeguista que inspirou “moitos intelectuais e activistas contra o sistema da Restauración, imperante naquela época”, pois co seu xornal difundiu a fala e as súas “críticas sociais” por feiras e mercados para chegar a un público popular que vía reflectidas as súas experiencias cotiás naquela publicación.

Lamas, tamén poeta e cego

Sanfiz reivindicou a faceta pioneira de Lamas como poeta en galego, no “silencio” dese xénero literario dende que Rosalía publicase os seus Cantares gallegos en 1863. Destacou o labor da súa esposa naquel momento, Amalia Rosina, pois Lamas quedou cego a causa da afección á vista que padecía desde moi novo. “Ela foi quen escribiu as obras literarias e xornalísticas que Valentín lle ditaba” como ocorreu cos seus poemas Espiñas, follas e frores publicado en 1875.

Dez anos de Amega

Neste ano 2023, segundo lembrou o ex presidente da Amega, hai dez anos que naceu a asociación, que desde 2018 acordou declarar e celebrar o día 7 de febreiro como o Día dos Medios en Galego, por ser a data da publicación de O Tío Marcos da Portela, primeira publicación periódica escrita integramente en galego. A declaración institucional daquela foi lida no Parlamento da Galiza e tivo o respaldo de todos os partidos políticos.