Asistentes á cea de residentes do CHUS afirman que os contaxios puideron ser no hospital

CHUS

O colectivo remite un comunicado defendendo que esa reunión "se realizou seguindo os protocolos sanitarios" e reivindican a súa "responsabilidade e compromiso". Consideran unha “estratexia pouco efectiva” sinalalos de maneira “pública”.

A xerencia do Centro Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) recibiu un escrito realizado polo colectivo de médicos internos residentes que asistiron á cea do pasado 7 de decembro.

Nel lamentan que se lles acuse de "irresponsábeis e de incumprir as normas e recomendacións vixentes". Afirman que "en ningún caso nos  sentimos merecedores destas afirmacións; posto que, aínda que efectivamente a reunión si se celebrou o día 7 de decembro de 2021, a entrada ao devandito recinto foi precedida da correspondente comprobación do certificado Covid persoal, tal e como ditaba a normativa nese momento, con cumprimento da restrición de comensais por mesa, do aforamento do local, etc".

Os protocolos vixentes

No documento defenden que esa reunión se realizou "seguindo os protocolos sanitarios estabelecidos ao non haber restricións á posibilidade de realizar eventos públicos como congresos, vodas e reunións de calquera índole", posto que "nese momento non existían outras limitacións no ámbito da hostalaría", abundan no escrito.

Rexeitan por “incoherente” que desde os postos de xestión “se anime a acudir ao centro de traballo e desempeñar labor asistencial a aqueles compañeiros considerados contactos estreitos de pacientes con PCR positiva; mentres que a sanitarios con estado epidemiolóxico a priori normal recoméndeselles evitar contacto fose do traballo cos mesmos compañeiros cos que comparten xornadas laborais e gardas".

Contaxios na xornada laboral

Neste sentido, teiman en que "non se pode afirmar que o aumento de contaxios tan só fose derivado da reunión citada, senón que podería ser xerado durante as xornadas laborais matutinas e de garda". Aseguran que "as condicións nas que traballamos, os despachos e as salas de descanso asignadas para cada servizo non cumpren nin se aproximan ás recomendacións indicadas polas autoridades sanitarias", expoñen.

Tamén apuntan a "ámbitos externos ao círculo exclusivo dos residentes", como contactos familiares, ocasionais, entre outros, como posible orixe de contaxios.

Contra a criminalización

"Ao longo da pandemia os residentes demostramos a nosa responsabilidade e compromiso coa atención sanitaria, formando parte activa desta en todo momento, mesmo en ocasións asumindo un alto risco de contaxio persoal por cumprir co noso labor de protexer a saúde da poboación, sendo con frecuencia os primeiros en atender aos pacientes do sistema de saúde público", reivindican.

Así, consideran "inxusto e desmedido" que os sinalen en público. "Criminalizar, e máis publicamente da maneira en que a que se está facendo, os actos levados a cabo polo persoal sanitario, cando se produciron en conformidade coa normativa e protocolos sanitarios vixente, desde o propio centro de traballo, xera en primeiro lugar, un aumento do descontento que vimos sufrindo desde o colectivo e o menosprezo xeral cara o noso traballo desde algunhas autoridades sanitarias; sentíndonos desamparados e sen protección pola súa banda, como en tantas outras ocasións", sosteñen.

Ademais, consideran que "fomentar na poboación xeral unha sensación de desconfianza crecente cara á sanidade pública e os seus traballadores" supón "unha estratexia pouco efectiva e contraproducente se do que se trata é de superar a crise sanitaria o máis axiña posíbel".

Con todo, no seu escrito, reiteran o seu "compromiso co sistema sanitario público e con cumprir con todas as medidas pertinentes" que, de acordo á situación epidemiolóxica, "preveñan o descontrol desta enfermidade". Así, resaltan a importancia da vacinación, "que é a mellor medida para evitar a expresión grave da Covid-19 e a sobrecarga do sistema sanitario".