Así é a campaña de vacinación das persoas maiores de 80 anos que arrincou hoxe

Comeza a vacinación das persoas maiores de 80 (Imaxe: Xunta da Galiza).

O proceso de vacinación de maiores de 80 anos fronte á Covid-19 arrincou esta sexta feira na Galiza cunha proba piloto en oito centros de Atención Primaria da área de Santiago e Barbanza, como antesala do inicio deste proceso a segunda feira 22 de febreiro.

Sobre as 10 horas o oito equipos especiais de vacinación da área sanitaria de Santiago e Barbanza comezaron a pór as primeiras doses a persoas deste grupo en oito centros nos que foron citadas 569 maiores de 80 anos e que en tres semanas recibirán a segunda. Fontes desta área destacaron a normalidade no proceso, "sen ningún tipo de reacción" nas primeiras horas da mañá.

Esta proba supón unha "pilotaxe", explicou a área sanitaria compostelá, do proceso de vacinación que o luns se estenderá a toda Galiza e no que se prevé vacinar unhas 200.000 persoas.

Organización por áreas sanitarias

En concreto, na área sanitaria de Santiago e Barbanza esta semana un equipo de dez traballadores de servizos xerais e un coordinador empezaron a contactar con máis de 34.000 octoxenarios que restan por vacinar e que se sumarán aos máis de 3.000 xa vacinados en residencias sociosanitarias.

Pola súa banda, fontes da área sanitaria de Vigo concretaron a Europa Press que a partir da segunda vacinarán na primeira semana unhas 4.800 persoas maiores de 80 anos, a razón dun milleiro diario aproximadamente.

Mentres, na área sanitaria de Ourense un equipo de citación especial para a vacinación fronte á Covid-19 iniciou na cuarta feira 17 o chamamento dos 32.626 persoas de máis de 80 anos para vacinalos a partir do 22 de febreiro, simultaneamente nos 20 centros de saúde que acollerán esta campaña.

Pola súa banda, a área da Coruña e Cee comezou na cuarta feira a chamar, a través do seu equipo de citación especial, ás case 45.000 persoas de máis de 80 anos da súa zona para vacinalas a partir deste 22 de febreiro nos 23 centros de saúde que acollerán a campaña en toda a área.

O equipo específico da área de Pontevedra e O Salnés iniciou na quinta feira 18 de febreiro o contacto telefónico cuns 22.000 cidadáns maiores de 80 anos para empezar esta segunda 22 a campaña de vacinación neste colectivo.

A área de Ferrol estima durante a primeira semana realizar a vacinación de 2.000 persoas nesta franxa de idade.

Finalmente, na área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte está previsto, confirmaron fontes da mesma, vacinar unhas 850 persoas maiores de 80 anos diarias nos centros de saúde de todas as cabeceiras de servizo e PAC.

A Xunta determinou, a través dun sorteo, que comezará a vacinación polas persoas cuxo primeiro apelido comece por H.