Así é Paxlovid, o fármaco oral de Pfizer contra os síntomas da Covid

O Goberno estatal vén de adquirir 344.000 doses do fármaco (Foto: Pfizer).
O Goberno español confirma a compra de 344.000 doses deste novo medicamento, que reduce o risco de hospitalización e morte por coronavirus.

A ministra de Sanidade, Carolina Darias, confirmou na rolda de prensa desta cuarta feira a adquisición de 344.000 doses completas do novo fármaco de Pfizer para paliar os síntomas da Covid-19, Paxlovid.

Este produto atópase actualmente en proceso de avaliación por parte da Axencia Europea do Medicamento (EMA, en inglés) desde o pasado 19 de novembro, malia que mentres non se pronuncie de forma definitiva está permitido o uso de Paxlovid en "casos de emerxencia".

Nesas situacións, o fármaco debe administrarse "o antes posíbel" após a diagnose da Covid-19 e dentro dos cinco días posteriores ao inicio do cadro sintomático.

Cal é a efectividade de Paxlovid?

O anuncio da EMA baséase nos resultados provisionais do estudo que Pfizer realizou en pacientes non hospitalizados e non vacinados que tiñan síntomas e, cando menos, unha afección que os puña en risco de padeceren unha doenza grave.

Así, arredor de 1% das persoas doentes que inxeriron Paxlovid foron hospitalizados nos 28 días posteriores ao inicio do tratamento, fronte a 6,7% das e dos pacientes aos que se lles administrou placebo. Ningunha das persoas que tomaron o fármaco faleceron, mais si houbo dez pasamentos no grupo do placebo.

Con base nestes datos, Pfizer concluíu que o risco de hospitalización descende 88% con Paxlovid.

A quen está dirixido?

Paxlovid é un medicamento antiviral que se presenta en pequenas pílulas. O seu uso está previsto en pacientes adultos coa Covid-19 que non requiren un aporte de osíxeno extra e teñen un maior risco de padecer unha enfermidade grave.

É un tratamento curto, de cinco días, segundo sinala a compañía farmacéutica. Adminístrase por vía oral, dúas veces ao día.

Ten efectos secundarios?

Os efectos secundarios máis comúns notificados durante o tratamento e até 34 días após de recibir a última dose de Paxlovid foron alteración do gusto —en un de cada vinte pacientes—, diarrea —unha frecuencia semellante—, náuseas e vómitos —menos comúns—.

Non se recomenda o seu uso durante o embarazo ou en persoas que poidan quedar embarazadas e non estean empregando métodos anticonceptivos. A lactancia, aliás, debe interromperse durante o tratamento. Tampouco se debe mesturar con determinados medicamentos que poderían reducir o efecto de Paxlovid, nin está previsto que o inxiran as persoas con insuficiencia renal ou hepática grave.