Tecnoloxía

Así funciona Mastodon, a rede social "aberta e libre" que compite co novo Twitter de Elon Musk

Aplicacións móbiles de Twitter e Mastodon. (Foto: Ascannio)
Esta semana entrou en funcionamento nalgúns países o novo sistema de pagamento 'Twitter Blue' impulsado por Musk, que, entre outras cuestións, permitirá ás persoas usuarias obteren a insignia azul de verificación do perfil.

O magnate estadounidense Elon Musk oficializou o pasado 27 de outubro a compra da rede social Twitter por un importe de perto de 44.000 millóns de euros. A medida chegou acompañada do despedimento de, aproximadamente, 50% das 7.500 persoas que formaban o cadro de persoal.

No momento actual, cando se fan exactamente dúas semanas da compra, as diferentes propostas de Musk para o futuro da rede social están a provocar múltiples reaccións que afectan de forma inmediata a súa, segundo o propio empresario, delicada situación económica —perdas de 4 millóns de dólares ao día—.

Unha das medidas anticipadas por Elon Musk foi implantar un sistema de pagamento, denominado Twitter Blue, que está dispoñíbel desde esta mesma semana nalgúns países como os EUA ou o Reino Unido e que ofrece, a cambio de 7,99 dólares mensuais, a marca de verificación da conta e outras vantaxes como o acceso anticipado a novas funcións 'premium' da plataforma.

Verificación de perfís

Twitter tamén engade unha nova fórmula que consiste en agregar notificacións verificadas de prioridade, o que permitirá que as persoas usuarias poidan consultar nunha nova sección as notificacións procedentes unicamente de contas verificadas, a fin de "axudar a reducir as contas falsas e pouco confiábeis".

Porén, as principais críticas a esta medida radican en que calquera persoa poderá pagar para obter a insignia azul de verificación, se ben a compañía afirma que se mostrará unha mensaxe despregábel en cada perfil que indicará se esa verificación foi obtida pola vía do pagamento ou por mor da súa "notoriedade no ámbito gobernamental, de noticias, entretemento ou outra categoría designada".

X, a "app para todo"

O obxectivo final da compra de Twittersería o desenvolvemento dun ambicioso proxecto de Musk, consistente en artellar unha rede social "multiusos" que el mesmo deu en denominar 'X, a aplicación para todo'.

Se ben aínda non desvelou demasiada información ao respecto, o empresario estaría a valorar con este proxecto dar un salto a Twitter semellante ao que deu na China a aplicación WeChat, que pasou de ser unha ferramenta de mensaxería a unha 'mini-Internet' que cada día utilizan máis de mil millóns de persoas.

Mastodon, á espreita do descontento con Twitter

Neste contexto, e diante das múltiples críticas que levaron tamén diferentes compañías a deixar de pagar anuncios en Twitter, xorde a rede social Mastodon, que, se ben iniciou a súa actividade en 2016, nas últimas datas está a ser obxecto dunha gran 'migración' de persoas usuarias procedentes da plataforma do paxaro azul.

A diferenza da rede social de Musk, Mastodon non está dirixida por unha única compañía, pois calquera persoa pode iniciar un servidor local para participar deste software gratuíto de código aberto, o que permite a súa definición como "rede aberta, libre e federada".

Mastodon, polo tanto, é unha rede social formada á súa vez por un conxunto de subredes, polo que as mensaxes dunha persoa usuaria poden ser lidas unicamente polas integrantes dunha mesma comunidade, que pode crear calquera. Mais, do mesmo modo que en Twitter, tamén existe a opción de publicar contidos xenéricos para seren visualizados no conxunto da plataforma.

Así, cando unha persoa ingresa en Mastodon pode escoller un servidor en función dos seus gustos e afeccións: tecnoloxía, deportes, política, etc. Isto provoca, aliás, que cada servidor teña as súas propias normas de funcionamento.

Só unha semana após a venda de Twitter a Elon Musk, Mastodon recibiu máis de 230.000 novas usuarias e usuarios, e desde o 27 de outubro abriron 1.124 novos servidores e uníronse case medio millón de persoas á rede social. Esta mesma segunda feira alcanzou os 1.028.362 usuarios activos mensuais.