Xa non serve calquera máscara hixiénica: O Goberno estatal endurece as medidas

Máscaras hixiénicas (Imaxe: Nós Diario).

O Boletín Oficial do Estado publica a orde CSM/115/2021 pola que se estabelecen os requisitos de información e comercialización de máscaras hixiénicas. Estas son as novidades.

A orde publicada no BOE só permite comercializar aquelas máscaras hixiénicas “deseñadas e fabricadas de tal maneira que sexan seguras, de forma que nin os materiais que entren en contacto directo coa pel, nin as substancias susceptíbeis de seren inhaladas supoñan un perigo, nin causen molestias, irritación ou outros efectos adversos para a saúde, nas condicións de uso previsíbeis”.

As citadas proteccións deben demostrar “a eficacia de filtración de partículas a efectos de minimizar a proxección das secrecións respiratorias (incluídas as partículas aerosolizadas), que conteñen saliva, esputos ou secrecións respiratorias cando o usuario fala, tose ou esbirra”.

Deben ademais garantir “unha resistencia á respiración ou permeabilidade ao aire adecuados durante o tempo que deba levar en condicións de uso previsíbeis” e en caso de seren reutilizábeis, teñen que soportar “a totalidade de ciclos de lavado declarados polo fabricante, seguindo o método de lavado recomendado, sen sufrir deterioración e conservando as súas condicións de seguridade e resto de propiedades”.

A normativa prohibe comparalas coas FFP2 ou con EPI

Na etiquetaxe, segundo esta orde, deberá figurar o nome da empresa responsábel, a denominación do produto, composición, período de uso e mención do cumprimento obrigatorio das normas ou especificacións técnicas.

As válvulas de exhalación están prohibidas e os filtros accesorios deberán concretar a referencia exacta da máscara coa que se usan. Ademais, o conxunto máscara-filtro deberá cumprir a normativa.

A respecto dos accesorios estéticos, as empresas teñen a obriga de alertar sobre o feito de que poden “afectar á eficacia de filtración e respirabilidade”.

A divulgadora científica galega Déborah Bello explica que as máscaras hixiénicas reutilizábeis UNE 0065, en base a esa normativa, “deberán indicar o número de lavados que resisten, como deben lavarse e secarse e os datos dos ensaios de filtración e respirabilidade tras os lavados”. Engade que de incluíren algunha substancia biocida, “deberán pasar unha avaliación de riscos”.

A investigadora salienta que este tipo de máscaras non poden indicar “equivalente a FFP2” nin “filtración equivalente a EPI” nin “nada semellante”, para evitar confusións e malas praxes.

Lectura de beizos

A normativa é tamén de aplicación ás máscaras coa ventá transparente que facilite a lectura beizos, pois deberán superar os mesmos ensaios. “O material adxacente á ventá será o que actúe de filtro, polo cal debe garantirse unha axeitada respirabilidade”, expón Bello, que informa de que a ventá “non debe empanarse”.

As empresas, segundo o publicado polo BOE, terán 30 días para se adaptaren. Do contrario, decretarase unha sanción e fechamento durante cinco anos do operador económico responsábel, ben for fabricante, importador ou distribuidor que figure como responsábel na etiquetaxe.