VÍDEO NO INTERIOR

Así bateu O Carballiño o seu propio récord: unha tapa de polbo de 580 quilos en 10 minutos

A tapa de polbo supera en 65 quilos a da pasada edición. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
Alén dos 580 quilos de polbo, precisáronse 45 litros de aceite, cinco quilos de sal e dous de pemento, alén do prato típico de polbo, o de madeira, de 5,37 metros de diámetro.

O Concello do Carballiño, e en concreto os seus polbeiros e polbeiras, volveu facer historia esta terza feira ao lograr preparar a tapa de polbo máis grande do mundo: 580 quilos, 65 máis que na pasada edición, cando tamén se bateran os rexistros existentes. Os polbeiros de Arcos e O Carballiño citáronse na Praza Maior da localidade ás 18.30 horas para preparar o lugar e os utensilios que empregarían para levar a cabo unha misión que só durou 10 minutos.

O momento de empezar a cortar non chegaría até pasadas as 20 horas. Concretamente ás 20.05 horas os artífices puxéronse mans á obra para bater a súa marca utilizando 580 quilos de polbo. E, após escoitar a música da banda de gaitas, comezou a acción: dez minutos de expectación nos que, alén desta cantidade de polbo, empregáronse 45 litros de aceite, cinco quilos de sal e dous de pemento.

Todo iso combinado no prato típico de polbo, o de madeira, de 5,37 metros de diámetro, e un ingrediente especial sobre o que fan fincapé os polbeiros, "o agarimo" co que se trata o cociñado do octópodo. Centos de veciños de visitantes non quixeron perder o evento, que supón un dos días grandes da localidade e especialmente da Festa do Polbo.

Este ano celebrouse a XIII Tapa do Polbo, unha cita para a que se venderon 800 racións que esperaron ansiosos os asistentes que puideron seguir a execución dos polbeiros e polbeiras a través dunha pantalla instalada na fachada do consistorio. Ás 20.15 horas soou o aviso: 'Tesoiras arriba!'. 10 minutos e 28 segundos despois, a tapa estaba completada e o público asistente procedía a porse á cola para recibir a ansiada degustación.

Festas do Polbo

Este ano a vila do Arenteiro leva máis dunha semana celebrando a Festa do Polbo cunha programación que se estenderá até o domingo, cando está prevista a Gran Romaría no Parque Municipal, pero entre tanto non faltarán as actuacións musicais, a representación dos grupos da xornada de Folclore e mesmo un torneo de fútbol que a sexta feira, ás 19.30 horas, cita o equipo local, o Club Deportivo Arenteiro, co CD Lugo no Municipal do Espiñedo.

Ese mesmo día tamén haberá animación nas rúas a cargo dunha charanga e ao día seguinte, o sábado, terá lugar o concurso de camisetas con animación de DJ na Praza Maior. Xa o domingo, o día grande da festa, haberá unha ampla programación no Parque Municipal. Ás 11 horas empezarán a tocar os grupos de música tradicional, media hora máis tarde abriranse os postos de gastronómicos, e ás 12h haberá concertos antes da apertura do recinto oficial, ás 14h.

Xa na quenda de noite, está prevista unha verbena con orquestra para pór o ramo a esta festa, declarada de Interese Turístico Internacional, que este ano conmemora a súa LXI edición.