Confirmado o asasinato de Ana Vanessa Serén como un caso de violencia machista, o segundo no que vai de ano na Galiza

Ana Vanessa Serén foi asasinada nas inmediacións do cámping 'O Muíño', en Mougás, onde traballaba. (Foto: Google)
Entre xaneiro e xuño do presente ano foron asasinadas a mans das súas parellas ou ex parellas sentimentais 21 mulleres no conxunto do Estado español. Desde que existen rexistros (2003), a cifra ascende xa a 1.205.

O asasinato de Ana Vanessa Serén foi máis un caso de violencia machista. Así vén de confirmalo a Delegación do Goberno español contra a Violencia de Xénero, que engade a traxedia deste sábado en Oia (Baixo Miño) a unha listaxe que xa engrosa 21 vítimas mortais no que vai de ano no conxunto do Estado español; a número 1.205 desde que se iniciaron os rexistros en 2003.

Na Galiza, este é o segundo crime machista ocorrido este 2023 após o asasinato dunha muller en Baiona, Beatriz Lijó, o pasado mes de febreiro. Posteriormente foi detida a súa ex parella, Ángel Rodríguez, quen en sede xudicial confesou ser o autor do crime.

A vítima mortal de Oia, de 44 anos de idade, foi asasinada ás portas do cámping no que traballaba presuntamente a mans da súa ex parella, un garda civil que horas despois dos feitos suicidouse ao verse acurralado por axentes do Instituto Armado nun monte próximo ao lugar do crime, onde, segundo as primeiras pesquisas, tentaba fuxir das autoridades.

Tras confirmarse como un caso de violencia de xénero, a Delegación do Goberno na Galiza convocou un minuto de silencio, ás 12 horas desta segunda feira, diante da sede da institución, na Coruña. A Xunta tamén acollerá un minuto de silencio en repulsa por este crime ás 12h na sede da Administración galega en San Caetano, en Santiago. Aliás, están previstas concentracións e minutos de silencio por toda a xeografía galega ao longo do día.

Sen licenza de armas

O ex axente da Garda Civil, segundo apuntou a subdelegada do Goberno estatal en Pontevedra, Maica Larriba, non tiña autorización en vigor para portar armas de fogo. O que si tiña, pola contra, era unha orde de afastamento pola que non podía comunicarse coa vítima nin achegarse a máis de 300 metros.

O caso de Ana Vanessa Serén fora cualificado polas autoridades como de "risco medio" e existía unha denuncia previa, do pasado mes de abril, pola que se decretou precisamente a citada orde de afastamento. A raíz da sentenza, e en pouco máis dun mes, realizáronse até 56 intervencións para velar pola protección da denunciante, unha delas moi recente, segundo precisou Larriba.

"Ana Vanessa é a última vítima dun asasinato machista na Galiza, en Oia. A súa morte é un fracaso como sociedade que sentimos profundamente. Non pode volver suceder. Non podemos calar nin deixar de avanzar para protexelas", lamentou este domingo o delegado do Goberno estatal na Galiza, José Ramón Gómez Besteiro.