O xuíz fecha o caso sen procesar ninguén, mais o seu fallo pode ser revocado pola Audiencia Provincial

O asasinato de Jimmy continúa impune

Bandeira en homenaxe a Jimmy

A xustiza española continúa sen depurar a responsabilidade penal polo asasinato do seareiro deportivista Jimmy pretensamente a mans de membros do Frente Atlético. O xuíz ditou esta terza feira un auto que fecha a causa após constatar, afirma, a imposibilidade de identificar o autor ou autores do crime. A resolución pode ser revogada, porén, pola Audiencia Provincial de Madrid.

A tese do titular do xulgado número 20 de Madrid é a mesma que o levou en 2016 a fechar provisoriamente a causa: o testemuña da testemuña protexida -un menor- carece de suficiente credibilidade, ao ser el propio un "co-imputado". O maxistrado entende que a testemuña podería estar procurando exclusivamente a súa exculpación.

 

Tampouco outorga valor ás probas achegadas pola policía, en especial o material videográfico, ao xulgar que carece da suficiente calidade para realizar unha identificación das persoas envolvidas no crime.

 

Destarte, o xuíz declara conclusa a instrución sen ditar o procesamento de ningunha persoa relacionada co asasinato do integrante dos Riazor Blues, producido nas inmediacións do estadio Vicente Calderón a 30 de novembro de 2014.

 

Significa isto que a causa está totalmente perdida? Non, a Audiencia Provincial de Madrid -como o propio xuíz admite na súa resolución- pode anular este fallo xudicial e reabrir o caso.