O xuíz confirma o arquivo da causa polo asasinato de ‘Jimmy’

Reitera que é imposíbel identificar os autores materiais da morte do seareiro deportivista.

O titular do Xulgado de Instrución Número 20 de Madrid confirmou o arquivo da causa que investiga o asasinato de Francisco Javier Romero Taboada, ‘Jimmy’, ao insistir en que é imposíbel identificar os presuntos autores materiais da morte do afeccionado do Deportivo da Coruña.

O xuíz indica no auto, ao que tivo acceso a axencia Efe, que desestima os recursos da Fiscalía, da Liga de Fútbol Profesional (LFP) e do outro seareiro do Deportivo que foi guindado ao río Manzanares, contra o auto de sobreseimento provisional e arquivo da peza separada.  

O maxistrado ratifica desta forma a decisión que adoptou en decembro e eleva os recursos de apelación presentados subsidiariamente para que sexa a Audiencia Provincial de Madrid a que resolva e decida se reabre ou non a causa polo asasinato de ‘Jimmy’.