As universidades traballan para "dar solución" ao persoal investigador afectado pola reforma laboral

Laboratorio científico da USC (Foto: Europa Press).
UDC, USC e UVigo buscan unha fórmula que permita que o persoal que está contratado nestes momentos con cargo a diferentes proxectos poida continuar nos novos modelos de contratación.

Os reitores das tres universidades públicas da Galiza explicaron esta terza feira que traballan, no marco da Conferencia de Reitores de Universidades (CRUE), para que se dea unha solución aos 4.000 investigadores e investigadoras galegas que actualmente teñen contratos por obra e servizo afectados pola reforma laboral.

"Estamos en negociacións, a través da CRUE, para ter algunha solución temporal mentres non se solucione a Lei de ciencia, porque pode ser un atranco estes meses", afirmou o reitor da Universidade de Vigo (UVigo), Manuel Reigosa, logo de participar nun acto en Compostela xunto ao reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Antonio López, e o da Universidade da Coruña (UDC), Julio Abalde. No evento tamén participou o conselleiro de Educación, Román Rodríguez.

Segundo explicou Reigosa, as universidades xa teñen "a palabra da CRUE" de que os fondos previstos para cando rematen os contratos pre e post doutorais previstos na Lei de ciencia que dependan do Estado sexan sufragados polo propio Estado de forma que "non recaian nas universidades".

Neste senso, Abalde lembrou que a reforma laboral afecta unha parte importante das contratacións, especialmente en proxectos de investigación, polo que as universidades traballan a través da CRUE cos ministerios de Ciencia, Universidades e Traballo para buscar unha solución que permita, mediante a Lei da ciencia, solucionar problemas como derivados do paso á contratación indefinida ou a súa afectación na taxa de reposición. "Pedimos que eses contratos non afecten á taxa de reposición", detallou.

Aliás, lanzou unha mensaxe de "tranquilidade" ao asegurar que buscarán "unha fórmula" que permita que o persoal que está contratado nestes momentos con cargo a diferentes proxectos poida continuar nos novos modelos de contratación que se van facer. "Vai ser unha contratación indefinida e haberá que definir como se manteñen esas relacións e como, no momento en que non haxa fondos no proxecto, se pode resolver esa situación", apuntou.

"Eliminar a precariedade"

Pola súa parte, Antonio López, que sinalou que a reforma suporá que se encarezan os contratos ao ter que prever unha indemnización para cando terminen, explicou que haberá que trasladar a "quen financia" que será necesario un "custo adicional" para "eliminar a precariedade".

López tamén considerou que "seguramente" sería necesario dar un paso máis para buscar fórmulas de financiamento da investigación "máis estruturais", que non estean "tan condicionadas polo tempo e que financien estas necesidades".