As TIC tamén 'segregan' por xénero: eles danlle un uso lúdico, elas infórmanse sobre os coidados

[Imaxe: Edukanda]
A fotografía do acceso e do uso que mulleres e homes fan das tecnoloxías da información e da comunicación amosa como o deseño das TIC seguirá no futuro en mans dos homes. O reparto do tempo e os nichos de mercado feminizados, entre as razóns da e-desigualdade

Como é a fotografía do acceso e do uso de internet para mulleres e homes? Ao redor desta cuestión xirou a xornada de formación impartida nestes días pola socióloga Iria Vázquez no local da Rede de Mulleres, en Vigo, constatanto até tres fendas de xénero no que ás TIC --tecnoloxías da información e da comunicación-- se refire. Ollando as estatísticas compróbase como na titulación de Enxeñaría informática da Universidade da Coruña só o 19% do estudantado son mulleres. Constátase entón que "son eles os que van seguir deseñando a tecnoloxía no futuro".

Así as cousas, explica Iria Vázquez que a primeira fenda, referida ao acceso ás TIC, é apreciada "unicamente en idades avanzadas", a partir dos 35 anos, e sinala que tal desaxuste "non preocupa tanto porque se ve que está a mudar moito". O acceso ás tecnoloxías da información faría referencia a cuestións como se a persoa entrou algunha vez en internet ou usou un teléfono móbil. Porén, na segunda fenda, aquela relacionada co uso desas TIC, as habilidades para sacar partido das posibilidades que ofrecen.

Aquí a fenda de xénero xa se torna importante e amosa unha "especialización de xénero": os usos lúdicos e económicos están masculinizados e os usos relacionados co benestar e os coidados están feminizados. Así, as mulleres empregan a rede orientada cara a formación, o emprego e a procura de información sobre saúde. Namentres, os homes descarregan software, len xornais, usan a banca electrónica e xogan. "A linguaxe de programación ou a instalación de dispositivos é tamén cousa deles", subliña Vázquez, quen acrecenta que o feito de ser a usuaria estudante universitaria non reduce a fenda, que sobe até o 60% por exemplo no referente á venda de bens e servizos.

Tomando en conta os datos dispoñíbeis en relación á terceira fenda, o uso de tecnoloxías avanzadas, "pódese concluír que preocupa o uso dos ordenadores, mais preocupa máis aínda que o deseño de novas tecnoloxías siga en mans dos homes". Son tamén eles os que controlan os ámbitos de toma de decisión sobre as TIC. Preocupa logo o uso e quen deseña. E as razóns que explican a prevalencia dos homes en ambos os dous eidos son de carácter social: o reparto dos tempos --as mulleres seguen a ter menos tempo para dedicar ao ocio-- e o tipo de emprego que desenvolve a persoa --eles están con máis frecuencia en contacto cun ordenador--.