''Non nos vale calquera poder. As mulleres temos que nos empoderar desde abaixo e á esquerda''

Conversamos coa socióloga e activista feminista Rocío Fraga sobre feminismos, poderes, masculinidades, recortes sociais e o agromar deses postulados patriarcais e neoconservadores que queren devolvelas a elas ao coidado do fogar e d@s fill@s

Analizar as políticas de igualdade co ollar posto no rexurdir de correntes de pensamento neoconservadoras que apostan polo retorno das mulleres aos roles tradicionais de coidadora e reprodutora. Con este obxectivo vén de se celebrar unha xornada de debate organizada pola Fundación Galiza Sempre en que compañeiras que traballan en distintos eidos repasaron o papel asignado ás mulleres nunha sociedade que vai camiño de non ofertar servizos públicos e universais, alén do valor simbólico que a participación delas ten, a día de hoxe, nos espazos de poder.

A socióloga e activista feminista Rocío Fraga aborda connosco todas estas cuestións, e recalca a necesidade de que tamén os homes reflexionen sobre a cuestión de xénero até se decataren de que tamén para eles o patriarcado é unha pedra ao pescozo.

''Nós non temos que estar arriba, en cúpulas, para ficarmos empoderadas''

P: Valeríanos ás mulleres calquera poder e a calquera prezo?

R: Non, non nos valería. Nas xornadas recalcouse moito o valor simbólico das mulleres con poder sen unha transformación previa da realidade. Non é un poder que o feminismo desexe. O que procuramos é empoderarnos desde abaixo, e desde abaixo á esquerda se pode ser, como din os zapatistas, acadar unha forza individual e colectiva, mais compartida.

P: Cómpre entón rachar primeiro coas formas de poder do capitalismo.

R: Efectivamente. Non se trata de asumir as regras deste sistema, senón de ser quen redefinir as estruturas, ílas mudando. Nós non temos que estar arriba, en cúpulas, para ficarmos empoderadas.

P: Máis presenza feminina supón máis poder para as mulleres?

R: Non. É un logro que se acadou mediante ferramentas como as cotas ou as leis de paridade. O que se conqueriu foi visibilizar ás mulleres en postos de poder, mais iso non quere dicir, por suposto, que as que aí chegaron impregnen a súa acción dunha perspectiva feminista.

De feito, nos casos que a todas se nos veñen á cabeza vese, máis ben, todo o contrario, unha asunción de roles totalmente patricarcais. Eu sempre lles chamo 'as machiñas', as que chegan arriba, como (Angela) Merkel, que nin é un poder das mulleres, nin de xénero, nin axuda ao empoderamento das demais.

Incluso nos fai bastante dano, cando falamos ante un auditorio sobre esta cuestión e sempre sae o típico exemplo de que hai mulleres como (Margaret) Thatcher que si que acadan poder. Mais... a costa de que? A costa de asumir o que o sistema quere. E, por conseguinte, a min non me representan

''O de Merkel nin é un poder das mulleres, nin de xénero''

P: Existe unha fenda dixital de xénero? Como se reparte o ciberespazo?

R: Existe, e a diferentes niveis. Eu falei hoxe de tres tipos de fenda que xa están asumidas desde os estudos de xénero institucionais: acceso á tecnoloxía, a utilización que se fai dela e aqueloutra circunscrita ao uso das TIC máis avanzadas, como o uso dos móbiles. Nas idades máis novas vaise igualando o acceso á rede, mais o tema do uso segue a ser moi variábel.

E introducín unha cuarta fenda referida ao desenvolvemento do software. Nós, desde o feminismo que traballamos en concreto no colectivo Non me pises o freghao, afondamos nas posibilidades que nos ofrece o software libre para traballar o xénero desde a tecnoloxía e á inversa. O software libre representa o que o feminismo para a política: crear estruturas nas que todas poidamos crear, aportar, aprender e saír dos roles de desenvolvedora-usuaria ou mestra-aprendiza para facermos comunidade.

A fenda que existe neste ámbito estatísticamente é enorme! En xeral as mulleres desenvolvemos entre o 20 e o 30 por cento da tecnoloxía, no software privativo será aproximadamente un 20 por centro e no libre pasouse en poucos anos do 0.5 ao 1.5 por cento. Mais, por riba destes datos, como proceso democrático, o empoderamento está a ser lento mais efectivo.

P: É a rede unha oportunidade onde procurar alianzas?

R: Si. Aquelas redes apegadas á nosa vida cotiá, máis clásicas, significaron xustamente iso para o feminismo, a posibilidade de coñecérmonos, de asociármonos e de partillarmos experiencias. Agora a rede ofrece tamén outro espazo a través da tecnoloxía e abonda con ollar os perfís das persoas que somos activistas para decatarnos de que usamos as redes para debater e difundir unha mensaxe.

''O software libre representa o que o feminismo para a política: crear estruturas nas que todas poidamos crear, aportar, aprender''

As redes como Facebook e aqueloutras mercantilistas o que teñen de malo é que tamén as utilizan as estruturas do poder. Nós podemos aproveitalas, mais non consideralas un obxectivo se non as creamos nós, como é o caso de N-1. Temos que ter claro que o que nos ofrecen son ferramentas que complementan as que empregamos no mundo analóxico e velas como iso, como ferramentas.

P: Quería preguntarche polas masculinidades. A teoría Queer veu revolucionar a concepción do xénero até deconstruíla mais, non se pasou por alto unha parada intermedia en que reflexionar sobre a construción de xénero e o que pesa nas vidas das mulleres, mais tamén nas dos homes?

R: Efectivamente a teoría Queer como teoría é moi interesante e aportou moitísimas cousas non só ao feminismo senón ao traballo das masculinidades. Mais creo que si, que efectivamente, como pasa con todos os debates que fican no eido do académico, perdeuse a perspectiva do real. Está moi ben deconstruírmos o xénero, mais primeiro debemos entender como está construído.

''Está moi ben deconstruírmos o xénero, mais primeiro debemos entender como está construído''

Non se pode destruír algo sen saber como está montado e como asimilamos mulleres e homes a incidencia en nós propios dos roles de xénero. É moi importante que eles fagan tamén unha reflexión en clave feminista. Eu sempre fun partidaria da creación de espazos non mixtos, de mulleres, mais tamén coido que alén de manter estes, cando saímos fóra temos que contar cos compañeiros. Se non o facemos, coa revolución feminista non vai haber mudanza algunha.