As plataformas ven "positiva" a parálise do proxecto mineiro de Corcoesto mais advirten: "imos seguir na loita"

[Imaxe Salvemos Cabana]

A Plataforma na defensa de Corcoesto e Salvemos Cabana aseguran que non "imos baixar a garda" pois están cert@s de que a Xunta e Edgewater poderían tentar "gañar tempo" para aprobar o proxecto mineiro máis adiante

 

A cidadanía ten claro que "o único final posíbel" para o proxecto mineiro de Corcoesto é "a anulación" do mesmo. Após o comunicado da Xunta de Galiza publicado a pasada terza feira (9 de xullo) no que afirmaba ter paralizado o proxecto por non cumprir cos requirimentos exixidos, desde as Plataformas cidadás na defensa da comarca de Bergantiños valoran como "unha vitoria parcial" a decisión do executivo galego. 

Así o sinalou Bráulio Amario, membro da Plataforma en defensa de Corcoesto e Bergantiños. En conversa con Sermos Galiza, Amaro considerou que "a vitoria definitiva virá cando se paralice totalmente" este proxecto mineiro. Aliás, advertiu que o anuncio coñecido onte serviu para que o movemento social xurdido como oposición a esta mina de ouro "carguemos as pilas" e seguir adiante "na loita con máis forza". 

Bráulio Amaro: "Imos seguir na loita. Até que o proxecto non sexa anulado non pararemos"

O sentimento de satisfacción é partillado pola Plataforma Salvemos Cabana. O seu portavoz, Moncho Varela asegurou que "hai que ser optimista" perante a paralización temporal do proxecto. "Agora estamos un pouco mais perto da súa anulación definitiva", subliñou. Porén, "non hai que baixar a garda" --matizou-- pois "Edgewater non vai renunciar a unha serie de beneficios" que, di, "agardan os seus investidores". Para Varela, "a presión do diñeiro é moi forte, aínda máis en tempos de crise" e embora as previsións de que o valor do ouro nos mercados internacionais baixen "isto pode ser só un receso".

As plataformas continuarán adiante e exixirán a anulación definitiva do proxecto

Así pois, desde as plataformas advirten de que a Xunta de Galiza pode tentar recuperar o proxecto pasado un tempo. No propio comunicado emitido, o executivo galego recoñece que exixe á transnacional canadense "máis garantías" para dar luz verde á explotación do outro na comarca de Bergantiños. "É o momento de non descuidase", apunta a veciñanza. 

Moncho Varela: "Edgwater non vai renunciar aos beneficios. Isto pode ser só un receso"

A masiva resposta social foi "chave" para que a administración galega decidise dar un paso atrás e frear --aínda que temporalmente-- este proxecto mineiro. "Corcoesto converteuse na icona da loita contra a megaminaría contaminante e expoliadora", asegura Bráulio Amaro. Neste senso, cren que "a grande repercusión social serviu para motivar a paralización" mais tamén "os últimos informes sobre o arsénico". 

Desde Corcoesto e Salvemos Cabana exixen á Xunta de Galiza que anule a Declaración de impacto ambiental (DIA) favorábel como primeiro chanzo para a anulación definitiva desta mina mais tamén, o endurecemento lexislativo que impida a instalación doutros proxectos semellantes noutros puntos do país. Cúmpre lembrar que a planta de cianuración que Edgwater prevé instalar en Corcoesto tería por obxecto tratar o ouro extraído noutras minas de menor tamaño espalladas por toda Galiza. Polo que desde os colectivos na defensa do territorio reclaman "a súa anulación definitiva".