A Xunta paraliza o proxecto de Corcoesto e pide agora máis garantías para autorizalo

Corcoesto

Afirma que o proxecto tal e como está “non cumpre cos requisitos técnicos e financeiros necesarios" para obter a aprobación, polo que insta a subsanalos

A Consellería de Economía e Industria vén de emitir un comunicado polo que afirma que “non autoriza o proxecto mineiro de non cumprir as máximas garantías de viabilidade técnica e económica”. Algo que se lle comunicou á compañía. A Xunta sinala que “trala análise levada a cabo polos técnicos da Consellería, considérase que o proxecto mineiro non cumpre cos requirimentos técnicos e económicos esixidos, polo que a empresa deberá acreditar as garantías necesarias para asegurar a viabilidade e a solvencia do proxecto”.

En concreto, a Consellería de Economía e Industria solicitou á empresa que acredite unha solvencia mínima do 25% de fondos propios sobre o investimento do proxecto e un compromiso en firme do resto do financiamento, así como a documentación que acredite a capacidade técnica da empresa para desenvolvelo.