As organizacións estudantís nacionalistas súmanse á xornada de loita cunha folga no ensino

Comités e a Liga adhírense á convocatoria de Folga xeral convocada polas centrais sindicais para o vindeiro 14 de novembro e chaman o estudantado a secundar a xornada de loita no ensino.

Os Comités e a Liga estudantil galega, fixeron senllos chamamentos ao estudantado galego a prol da convocatoria dunha folga estudantil que coincida coa xornada de loita que terá lugar o vindeiro 14 de novembro. Após as mobilizacións dos pasados días 11 e 17 de outubro, en que o movemento estudantil galego congregou milleiros de estudantes nas rúas das principais vilas e cidades do país contra os recortes no ensino; ambas as dúas organizacións súmanse á convocatoria de folga xeral e "contra as agresións reiteradas da Xunta e o goberno central", aseguraba o responsábel nacional dos Comités, Daniel Candal. Aliás, na Liga consideraron que a realidade actual sitúa o estudantado perante unha "situación límite" e fronte a un "escenario próximo ao desastre".

 As dúas organizacións súmanse á convocatoria de folga "contra as agresións reiteradas da Xunta e o goberno central"

Neste sentido, as organizacións estudantís nacionalistas sinalan que as "políticas neoliberais" desenvolvidas polos gobernos do Partido Popular están a supor unha "agresión sen precedentes contra as clases populares", asevera Candal. Pola súa banda, a Liga explicou que os recortes no eido universitario ou as sucesivas reformas laborais aprobadas polo goberno español sitúan o estudantado galego nun "momento histórico".

Así as cousas, e após coñecérense as últimas taxas de desemprego que sitúan o número de moz@s parad@s perto d@s 25.000 na Galiza; os Comités e a Liga, fan un chamamento ao estudantado a se "rebelar" contra unha realidade, que din, "imposta" e a se implicar "nesta nova convocatoria de folga", na procura de atinxir máis unha xornada masiva "seguindo o exemplo das pasadas mobilizacións estudantís".

Segundo a Liga estudantil, "o 14 de novembro terá que supor un paso decidido, real e firme en que as maiorías sociais digan non a seguir submetidas polos poderes económicos" pois entenden que "ningún goberno, por maioritario que sexa, ten un cheque en branco para lexislar contra a sociedade e ninguén, quitando os poderes económicos, se libra das políticas do Partido Popular” sentenciou o representante dos Comités, Daniel Candal.