UNIVERSIDADE

As organizacións estudantís nacionalistas logran 38 d@s 75 representantes no Claustro da USC

Imaxe da mobilización do 10 de Maio contra os recortes no ensino
A Liga Estudantil acada 20 representantes no cómputo total. Os Comités conseguiron 17 claustrais e a organización independentista Agir sumou votos suficientes para ter un representante neste organismo da universidade compostelá

Finalizado o escrutinio das eleccións ao Claustro, Xuntas de Facultade e Consellos de Departamento na Universidade de Santiago --campus de Lugo e de Compostela--, as dúas organizacións nacionalistas que concorrían ás votacións --ambas as dúas integrantes da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público-- sumaron 37 d@s 75 representantes no Claustro, organismo onde o estudantado representa o 33%.

A Liga Estudantil foi a organización máis votada no cómputo total da USC 

Así, a Liga Estudantil fíxose con 20, sendo as súas listas as máis votadas no cómputo total da USC, con 15 representantes en Compostela e 5 en Lugo. Os Comités lograron 17 claustrais, 16 del@s no campus compostelán, sendo a candidatura máis votada neste campus. E tamén Agir, que presentou candidat@s en seis facultades, sumou votos suficientes en Ciencias da Educación para ter unha persoa que represente a esquerda independentista no claustro desta universidade.

Con todo, a participación do estudantado foi máis baixa que noutros anos --as eleccións a claustro convócanse cada dous anos, mentres que a representación nas Xuntas de Facultade elíxese anualmente--. Desta volta situouse ao redor do 10%, tendo en conta as diferenzas de participación dependendo de cada centro, tres puntos menos que nos últimos comicios.

O e-voto, o sistema de votación a través da rede que a USC puxo en marcha xa na ocasión anterior, voltou a dar problemas esta vez, e recibiu críticas por parte das organizacións nacionalistas. Desde os Comités, organización que se opuxo a esta ferramenta daquela e tamén agora, Daniel Candal, voceiro nacional, cifra en "ao redor de 5.000 euros" o investimento da universidade compostelá no aplicativo "e el@s mesm@s recoñecen que non está preparado para procesos electorais desta envergadura". As dificultades á hora de votar por internet mermaron a participación nunhas eleccións en que tradicionalmente o estudantado non se mobiliza.

Os Comités acadaron os mellores resultados no campus de Compostela

"Nós non acreditamos moito no voto electrónico, máis ben non acreditamos nada", criticou Saleta Chao como voceira da Liga. Mais valora como "moi bos" os resultados obtidos nas urnas por este colectivo, incidindo na "presenza moi representativa" lograda no campus de Lugo, comparte con Candal a idea de que o sistema habilitado pola USC dificultou a participación. "É un xeito de impedir que o estudantado se informe", apunta Chao.

Nesta liña, explica que, ao celebrárense estas eleccións na recta final do curso académico, "en plena época de exames, cando o alumnado non vai ás aulas", a campaña electoral feita por todas as organizacións que se presentan, en que van explicando o seu programa e a importancia das eleccións ao Claustro, órgano con maior potestade de decisión dentro da universidade, "non chega ao estudantado, perden a campaña toda".

Agir consegue ''un ouvido'' no Claustro cos votos obtidos en Ciencias da Educación

Desde Agir están a barallar a posibilidade de "impugnar" estes comicios "porque o sistema estivo caído durante cinco horas na mañá da segunda feira", denuncia o voceiro da organización, Miguel Cuba. @s independentistas culpan a USC da baixa participación alcanzada, ao entender que "desalentou ao estudantado nas votacións, alentándoo para encher os inquéritos de avaliación docente". Cuba valora os resultados nas votacións, en que conseguiron un representante, como "positivos", pois explica que "non aspiramos a maiorías, senón só a ter un ouvido no Claustro para saber de primeira man as decisións que se toman neste organismo".

O resto dos asentos no Claustro repartíronos Movemento Estudantil Universitario, Estudantes polo Cambio e REDE, cunha persoa que representará a cada unha das organizacións. O Sindicato de Estudiantes quitou 4 claustrais, e @s demais facían parte de listas presentadas desde cada facultade ou presentáronse ás eleccións sen adscribírense a candidatura ningunha.