AGROCIDIO

As mensaxes contra as fumigacións 'evapóranse' do Facebook da Xunta

Mapa no que se mostra o alcance das fumigacións, amparadas pola Xunta Fonte: 'Fumigacións non!'
O Goberno galego estende a pouta da censura á súa páxina oficial na rede social e elimina boa parte das 'recomendacións' que a cidadanía lle fixo chegar, exixindo a retirada da autorización para fumigar 350.000 hectáreas, moitas delas protexidas pola Rede Natura. A plataforma Fumigacións non! vén de deseñar un mapa no que se ve o alcance da acción. Son en total 69 áreas de 8 quilómetros de diámetro cada unha, distribuídas en terras da Coruña --40 localizacións--, Pontevedra --28 localizacións-- e Lugo --1 localización--

Case 4.000 mensaxes son as que acumula a páxina oficial da Xunta de Galiza na rede social Facebook, a maior parte delas en contra das fumigacións aéreas dos eucaliptais afectados polo gorgullo. Porén, ao parecer, houbo máis. Desde a plataforma Fumigacións non! denuncian que as persoas que administran a páxina suprimiron algunhas das queixas, que chegaron desde Galiza e desde outras partes do Mundo a través dunha ciberacción de protesta posta en marcha coa colaboración de Actuable.

Non ás fumigacións. Salvade as abellas; Queremos abellas; Que fumiguen o Parlamento; Alguén quere vender o stock de insecticida antes de que Europa o prohiba; Non facedes máis que estragar a riqueza do noso país... Son só algúns dos milleiros de 'recomendacións' --foron publicadas no Facebook por esta vía-- que a cidadanía lle fixo chegar á Xunta, manifestando o seu rexeitamento á autorización do Goberno galego para fumigar 350.000 hectáreas no país. Dous mapas publicados pola organización ecoloxista Adega amosan as zonas que serán tratadas: lugares habitados, ríos, regatos e zonas protexidas na Rede Natura 2000.

Fumigacións non!, que segue a convocar accións por todo o país para informar das consecuencias de sulfatar co praguicida Cascade, condena "este acto de censura" executado desde a Xunta, mais interpretan a masiva resposta social como "unha mostra suficiente da indignación popular ante estes asasinos plans". A petición no Actuable --Salvemos as abellas da Galiza, salvemos o noso futuro!-- foi asinada por máis de 70.000 persoas.

A plataforma vén de publicar un novo mapa --colado na cima desta información-- no que se aprecia o alcance da acción amparada pola Xunta. Son en total 69 áreas de 8 quilómetros de diámetro cada unha, distribuídas en terras da Coruña --40 localizacións--, Pontevedra --28 localizacións-- e Lugo --1 localización--, tendo en conta que ao se empregaren medios aéreos, os praguicidas poden esparexérense a quilómetros de distancia dos puntos de fumigación. Alén disto, trátase dun produto bioacumulábel, isto é, que ficará durante moitos anos no tecido dos animais, incorporándose á cadea trófica.