As medidas do PP fan perigar o comercio

Un comercio que pecha en Compostela
Desde o comezo da crise pecharon en Galiza uns 17.000 comercios, un 25% do total, supondo, asemade, a perda duns 43.000 postos de traballo. A liberalización horaria e o aumento do IVE poden eliminar varios milleiros máis de postos de traballo.

Abrir máis horas, traballar en festivos, incrementar o IVE... as últimas medidas de Mariano Rajoy están a crear unha grande alarma entre o pequeno e mediano comercio galego. Pasear polas grandes zonas, outrora con remuíños de xente mercando, semellan estes días, máis ben, escenarios dunha obra sen personaxes e con escaso orzamento. Carteis de “en venda” ou “en aluguer” súmanse aos previos de “liquidación” ou “última oportunidade”. 

Na entrada á Coruña, tamén no interior da cidade, hai mais indicativos para ir aos grandes centros comerciais que para chegar a algún centro de interese turístico. Tamén pasa en Vigo.

Hai uns días o BNG denunciou que o goberno municipal de Negreira pensaba gastar 70.000 euros en contrataren a dedo unha consultora para lles realizaren enquisas aos comerciantes e veciños da Agra do Orzán. A idea do alcalde era "deseñar" unha estratexia para "axudar" ao pequeno e mediano comercio da zona. Antes suprimira do programa Urbana C, as axudas directas e a fondo perdido ao comercio, hostelaría e talleres de automoción do barrio "para destinaren eses cartos a unha aula virtual de busca de emprego da que nada sabemos", segundo sinalou a concelleira nacionalista Ermitas Valencia. Na zona da Agra do Orzán e arredores o pequeno comercio resiste e quere falar.

Mily leva trece anos no barrio levando unha perruquería. Non ten clientela polo que ten tempo de falar. Comezan a saír os temas que despois outr@s comerciantes debullarán polo miúdo. “Tería que haber máis axudas para os barrios e menos atrancos, por exemplo, para que se poida estacionar en condicións”. Fala da clientela que vén de fóra mais de contado fai referencia á de toda a vida, cada vez máis envellecida. “Aquí hai moita xente maior que non ten coche e nin sabe onde está o Centro Comercial. Onde vai ir mercar se pechamos?” Nomeou ao demo do comercio, o nome maldito. Rosa le mentres agarda que alguén entre na súa zapatería, a poucos metros da perruquería de Mily. O primeiro sorriso desaparece cando descobre que non entra un cliente. “É triste ver como está hoxe a rúa Barcelona cos comercios pechados”, láiase, “sobran centros comerciais, non comercios”. Lembra cando os autobuses paraban nos Cantóns e a xente viña mercar á Rúa Real e arredores. “Hoxe todo pecha”, sentenza. Ten unha explicación ao que está acontecer “moito antes de que chegara Zapatero” e está en relación coa chegada das grandes áreas comercias, desde El Corte Inglés até o Dolce Vita.

 Mily: “Aquí hai moita xente maior que non ten coche e nin sabe onde está o Centro Comercial. Onde vai ir mercar se pechamos?”

E chega o IVE
“Levo catro anos mantendo os prezos, se subo a clientela marcha, como vou saír adiante?” A suba do IVE que entrará en vigor en menos dun mes ten preocupado a todo o sector. Na zona vella de Compostela unha papelaría quixo adiantarse, polo menos o primeiro mes, e anuncia que non aplicará este imposto até o 15 de outubro. O segredo? Mercar con tempo abondo como para pór un prezo competitivo. “Despois non sei, teremos que asumir o IVE”, asegura Ramón.“Para nós existe un recargo de equivalencia como o da maioría do pequeno comercio, polo que, alén do 21%, hai que lle sumar un 5,2%, en total un 26,2%”. Os números non saen e menos cando a grande competencia é demasiado forte. “Moitos dos prezos que poñen son imposíbeis, como o prezo do papel nun Centro Comercial... máis barato que o meu prezo de custe!”

Para Juan xa é tarde. Traballa na tenda que Caramuxo ten en Compostela. Pecharon en Vigo no mes de xaneiro porque non daban as contas, a finais deste mes pechará a súa e quedará a única de Vilagarcía. Tamén fala e non se corta. “Algúns fan publicidade de que non pagarán o IVE, que máis dá se a xente deixa de consumir polo medo que nos meteu este goberno”.

Máis horas
Pedirlle ao pequeno comercio que non teña horas semella suicida. “Sería a morte absoluta do pequeno comercio”, asegura Encarna Álvarez, Presidenta da Asociación de Comerciantes e Empresarios de Vigo (ACECA) e da Federación de Comercio de Vigo. Para o sector é incomprensíbel posto que xa traballan horas de máis agora e non lles dá. “Se o IVE é preocupante o dos horarios xa nin che conto”, continúa a presidenta de ACECA, “o comercio non pode asumir ese tema, agardo que teñan a cabeza no seu sitio e non se faga ao final”.

Testemuñas de non poder máis hai a moreas. Ramón e Conchi aseguran que na súa papelería “estamos escravizados as 24 horas, traballando ou en casa pensando no traballo”. Juan aplica o sentidiño e non entende como hai poucos anos non estaban os comercios abertos en festivos, nin en tantos horarios como agora e “se non podías mercar dicíaslle a alguén que fora, arranxabamos así”. Deses tempos tamén fala Mily que recoñece que non podería asumir máis horas das que ten o día. “Liberalizar horarios? Dígolle ás clientas que veñan o domingo e pecho os luns, outra cousa non lle vexo”.

O primeiro banco de probas dunha vila galega para o experimento da liberalización de horarios comerciais é Tui. A capital do Baixo Miño aprobou en Pleno, proposto polo seu alcalde Moisés Rodríguez (PP), solicitaren a denominación de "zona de gran afluencia turística" para o municipio. Deste xeito, poderá liberalizar a apertura horaria e de festivos nos comercios da zona. O sector do comercio estivo dividido e había posturas encontradas. Mentres, a Asociación de Comerciantes e Industriais de Tui considerouna "unha oportunidade" a Federación de Empresarios do Baixo Miño (Febam) rexeitouna, afirmando que é "desfavorábel" para o pequeno comercio.

Juan: “É un clamor popular, que os banqueiros marchen cunhas liquidacións millonarias e aquí non pringue ninguén, todo o que se conseguimos estes trinta anos eliminárono estes en catro meses”

O futuro
Hai futuro? Juan bota en falta unidade de acción para exixiren outro tipo de medidas a grande escala. “Mentres haxa un Madrid-Barça na TV, pouco pan e pésimo circo”, ironiza. No caso de Caramuxo venden cultura textil, visual. “Debería haber manifestacións cada día, teño familiares que levan dous anos sen traballaren, xente preparada....” Remata cunha frase que moitos teñen na cabeza “É un clamor popular, que os banqueiros marchen cunhas liquidacións millonarias e aquí non pringue ninguén, todo o que se conseguimos estes trinta anos eliminárono estes en catro meses”.

Máis dialogante é a Presidenta da Asociación de Comerciantes e Empresarios de Vigo (ACECA) e da Federación de Comercio de Vigo. “As medidas chegaron en xullo e en setembro retomaremos as reunións, como alternativas temos a Lei de horarios que xa se creou en Galiza, queremos que se manteña e se respecte”. Se non se chega a acordos, segundo Encarna Álvarez, a perda de emprego será enorme”.