[VÍDEOS] Controlan un dos dous focos do incendio que afecta a parroquia de Barxa, na Gudiña

Incendio de Barxa, no concello da Gudiña. (Foto: Nós Diario)
As brigadas forestais xa están no lugar.

A primeira hora desta tarde rexistrouse un novo incendio na parroquia de Barxa, pertencente ao concello da Gudiña. Trátase do segundo lume no termo municipal, despois do que arrasou unhas 90 hectáreas a mediados de agosto, após comezar na parroquia de Pentes.

Segundo detallou a Nós Diario o veciño que se puxo en contacto co 112 para dar aviso do lume, até o lugar desprazáronse as brigadas forestais e un helicóptero, que está a levar a cabo tarefas aéreas para a extinción das lapas.

"Xa está o helicóptero botando auga dun depósito que está a 300 metros", explicaba a primeira hora da tarde este veciño, que detallou que o depósito de auga "foi feito hai uns anos na parroquia de Barxa para os helicópteros".

Porén, este depósito, cunha capacidade de 60.000 litros, quedou sen auga, polo que os servizos aéreos tiveron que desprazarse até outro que se atopa na parroquia de Pentes.

Dous focos

Integrantes da brigada forestal de Laza explicaron nas redes sociais que o lume conta con dous focos, "posibelmente algún deles ocasionado por un raio". 

Segundo comentou o veciño que falou con Nós Diario, o primeiro foco xa puido ser controlado, e nestes momentos os servizos de extinción, 4 helicópteros e 4 avionetas, "están actuando no segundo", nunha zona de monte "chea de piñeiros".

Polo de agora, descoñécese a extensión de terreo afectado por este lume, a espera de que a Consellaría de Medio Rural publique un novo parte da situación incendiaria no país.