Arzúa presenta o programa da edición número 49 da Festa do Queixo

Presentación da 49 edición da Festa do Queixo de Arzúa (Foto: Concello de Arzúa).
O alcalde arzuán, Xoán Xesús Carril, asegurou que esta festa "é de vital importancia tanto para a vila como para Galiza".

Esta quinta feira tivo lugar a presentación oficial do programa completo da 49ª edición da Festa do Queixo de Arzúa. No acto interveu, entre outros, o alcalde da localidade, Xoán Xesús Carril, quen asegurou que "esta festa é de vital importancia tanto para a vila como para Galiza por ser motor fundamental da economía da zona e patrimonio cultural do Concello como a nivel galego ao ser declarada festa de interese turístico da Galiza desde 1999".

O rexedor salientou a “diversidade e inclusión nunha festa aberta cunha determinada aposta polo propio non sen antes agradecer ao concelleiro de Cultura e ao resto de traballadores do Concello o seu esforzo na organización do evento”.

O festival

Pola súa parte, o director do Festival do Queixo, Alberto Alfonso, debullou máis polo miúdo a programación artística do festival, que contará con sete actuacións entre sábado e domingo, cinco galegos e dous estatais.

Aliás, o concelleiro de Cultura arzuán, José Luís García, destacou o torneo Chess&Cheese así como a figura da pregoeira María Vázquez e doutro artista, Xan Veiga, quen celebra o 30 aniversario da súa primeira actuación profesional e será nomeado Arzuán do ano xunto ca xornalista e cooperante pola igualdade de xénero Paula Fernández.